Taboada acolle unha exposición fotográfica da emigración española e galega
O Concello de Taboada vén de asinar con ABANCA e a Afundación un convenio de colaboración cultural para levar a cabo a exposición Nós tamén fomos emigrantes. Fotografías da Axencia EFE sobre a emigración española non século XX, que se poderá contemplar desde o 15 de marzo ao 17 de abril.
Á sinatura asistiron Roi Rigueira Agromartín, alcalde de Taboada; Óscar Rodríguez Rodríguez, coordinador institucional de ABANCA en Lugo; Beatriz Fernández-Anguiano, coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo; e a directora da oficina de ABANCA, Graciela Armesto.
Esta colaboración forma parte do proxecto Corrente cultural, que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo.
A exposición consiste nunha selección de corenta fotografías da emigración, tanto española como galega, procedentes dos arquivos da Axencia EFE e o obxectivo é o de tratar de achegarse a esa realidade histórica a través dunha síntese fotográfica das migracións mediante a mirada profesional e humana dos fotoperiodistas da época.
É a historia de "millóns de españois que tiveron que abandonar a súa terra para sobrevivir", en palabras de Miguel Ángel Gozalo, director da Axencia EFE entre 1996 e 2004.