Taboada acolle os días 13 e 14 de marzo o seu Concurso de Tapas con sete locais participantes

O municipio lucense de Taboada celebrará os días 13 e 14 de marzo unha nova edición do seu Concurso de Tapas, unha iniciativa gastronómica organizada pola Asociación de Comerciantes e Industriais do Municipio de Taboada (ACIMTA) co obxectivo de promocionar a hostalería local e dinamizar a actividade comercial durante dúas xornadas.
O certame desenvolverase o venres e o sábado en horario de 19.00 a 23.00 horas en distintos establecementos do municipio. Nesta edición participan sete locais hostaleiros, cada un cunha proposta elaborada especificamente para o concurso.
Os establecementos e as tapas que presentan son o Restaurante Urdi, con Rulo de beicon e queixo con salsa de mel; a Cafetería Scala, con Cordon bleu con salsa doce; a Cafetería Santa Lucía, con Bocado de porco; o Bar Parrillada Mencía, con Se che gusta, sábeche ben!; o Café Bar Mario, con Musakiñas; o Bar Cafetería Devezo, con Tosta de pemento recheo; e o Café Bar O’Rian, con A mini burguer do Rian.
O público terá un papel protagonista no desenvolvemento do concurso, xa que serán os propios asistentes quen elixan a mellor tapa. Para iso, poderán probar as sete propostas e emitir o seu voto a través dunha tarxeta facilitada nos establecementos participantes.
Ademais, quen participe na votación entrará no sorteo de distintos agasallos achegados polos colaboradores do evento. O establecemento gañador será aquel que obteña o maior número de votos ao remate das dúas xornadas do concurso, e o resultado darase a coñecer o mércores 18 de marzo.
A iniciativa conta coa colaboración do Concello de Taboada e da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL), a través da súa campaña E Para Comer, Lugo. Desde ACIMTA destacan a implicación dos establecementos e das entidades colaboradoras para sacar adiante un evento que busca consolidar a Taboada como un referente gastronómico no sur da provincia de Lugo.