Suspendida definitivamente a Subida a Chantada 2026

RibeiraSacraXa
Desde a Escudería Chantada explican que a decisión se debe á falta do orzamento necesario para desenvolver a proba en “condicións óptimas”, aínda que non pechan a porta a futuras edicións no caso de que a situación se reverta
Subida-a-Chantada-2023-3
16 Jan 2026

A Subida a Chantada 2026, que este ano tiña previsto celebrar a súa 52ª edición, queda suspendida definitivamente, tal e como confirmou a organización nun comunicado.

Desde a Escudería Chantada explican que o motivo se debe a que, tras realizar unha “análise profunda da situación”, se confirmou que este ano “non se dan as condicións óptimas para reunir o orzamento necesario que unha proba deste calibre require”.

“Na Escudería entendemos que todo ciclo ten un principio e un final, e o noso viuse condicionado polo esgotamento na procura dos recursos indispensables para celebrar a competición cos estándares de calidade e seguridade que sempre nos caracterizaron”, sinalan os organizadores, que deixan a porta aberta a determinar no futuro a continuidade desta proba no caso de que se dean as circunstancias necesarias. “A nosa vontade sempre será apostar polo máximo nivel, da man do Campionato de España de Montaña (CEM) e co respaldo da Real Federación Española de Automobilismo”, explican.

Tras anunciar esta decisión, desde a Escudería Chantada expresan o seu “máis sincero agradecemento por tantos anos de apoio incondicional ao Concello de Chantada, á Deputación de Lugo e á Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia”. Un agradecemento que estenden aos patrocinadores privados, empresas e ao sector hostaleiro e comercial de Chantada, Taboada, O Saviñao e A Barrela, así como aos equipos, pilotos, comisarios, prensa e, por suposto, á afección, que —destacan— “sempre fixo desta proba algo único”.

⚙ Configurar cookies
0.096834182739258