Su Garrido Pombo e MounQup pechan o ciclo de Novas Músicas Galegas da Pobra do Brollón

RibeiraSacraXa
A iniciativa ciclo Novas Músicas Galegas do Concello da Pobra do Brollón pecha esta vindeira semana cos concertos de Su Garrido Pombo o luns 14 de agosto e MounQup o xoves 17.
novas musicas a pobra
12 Aug 2023

A iniciativa ciclo Novas Músicas Galegas do Concello da Pobra do Brollón pecha esta vindeira semana cos concertos de Su Garrido Pombo o luns 14 de agosto e MounQup o xoves 17.

Estes eventos, que teñen como finalidade levar aos escenarios a artistas mulleres que están a innovar na escena musical, é financiado pola subvención Territorio Cultura, xestionada pola Xunta de Galicia a través da Agadic, ao amparo do Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation.

O concerto do luns 14 será na Casa da Cultura ‘Olga Novo’ ás 20.30 horas con Su Garrido Pombo, que interpretará temas do seu novo álbum, Patios de Luz. Este o seu segundo disco é unha homenaxe á vida en comunidade, cunha mestura moi persoal de estilos como folk, bossa nova e jazz. Un traballo polo que Su Garrido recibiu o seu segundo premio Martín Códax da Música, desta volta no presente 2023, na categoría de canción de autor.

O xoves 17 de agosto, actuará MounQup ás 22.30 horas na Praza da Pena, ao carón da casa do concello da Pobra do Brollón. Trátase do proxecto en solitario de Camille Hedouin, música francesa radicada en Galicia dende hai unha década. No seu terceiro e último disco Aquelarre, MounQup explora o seu vínculo coa natureza galega a través dunha mestura catártica de electrónica, folclore e experimentación.

0.15720200538635