Solucionados os problemas de drenaxe na contorna do encoro dos Peares

RibeiraSacraXa
O presidente da Deputación Provincial supervisou este luns os traballos levados a cabo no aparcadoiro e na pasarela do encoro
embarcadoiro deputacion encoro peares
15 Feb 2021

 O presidente da Deputación, José Tomé Roca, supervisou este luns en Carballedo o resultado dos traballos que a institución provincial vén de executar no municipio para rematar con diversos problemas de drenaxes na contorna do encoro dos Peares.

Entre as actuacións desenvolvidas atópase a levada a cabo no propio aparcadoiro do encoro. "Había problemas de drenaxe das augas e foi preciso renovar esta zona e a estrada neste punto, e tamén arranxamos a pasarela de acceso a pé, que presentaba desgaste polo paso do tempo”, concretou Tomé. No encoro procedeuse tamén á colocación da cruz de San Andrés, repoñendo a estrutura para unir as vigas.

De igual xeito, e cun orzamento de 32.400 euros, a institución provincial actuou en dúas estradas nas que se viñan detectando problemas de drenaxe da auga, o que dificultaba a circulación nos días de chuvia. Trátase da LU-P-1010, que conecta A Touza coa Granxa, pasando pola presa dos Peares, e da LU-P-1001, que une os núcleos da Barrela e Os Peares, pasando por Castro.

No caso da primeira, a LU-P-1010, á altura do quilómetro 2,7 existía un problema de drenaxe das augas pluviais, polo que foi preciso reperfilar as cunetas do aparcadoiro do pantalán dos Peares e formigonalas. Á súa vez, realizouse a canalización das augas e renovouse o firme dese espazo.

Na LU-P-1001, entre os puntos quilométricos 16,385 e 16,770, realizouse unha limpeza de cunetas, que despois se formigonaron para que o sistema de drenaxe sexa o máis eficaz posible.

Segundo o presidente da Deputación, “estas actuacións reafirman o compromiso e as prioridades do goberno provincial coa mellora das comunicacións e a seguridade vial na provincia. Unha rede de estradas en boas condicións é fundamental para o desenvolvemento rural, xa que achega servizos e permite fixar poboación”. ​

tomé encoro peares carballedo
0.18787884712219