Sober suma unha nova veciña centenaria

O concello de Sober conta desde o pasado sábado cunha nova veciña centenaria. Trátase de Emilia Castro, residente na Ponte de Canaval, aínda que nacida en Moreda, na parroquia de Vilaescura.
Con motivo do seu aniversario, o alcalde, Luis Fernández Guitián, achegouse ata o seu domicilio para felicitala persoalmente e facerlle entrega dun agasallo institucional en nome do Concello. A homenaxeada celebrou esta data tan significativa acompañada pola súa familia, nunha xornada especial marcada pola celebración.
Coa incorporación de Emilia Castro, Sober suma actualmente nove persoas maiores de cen anos: seis mulleres e tres homes, unha cifra que reflicte o elevado número de centenarios no municipio.