Sober recupera en novembro as Festas do Carme, suspendidas polo incendio

O Concello de Sober recuperará as Festas do Carme, que tiveron que suspenderse tras o incendio que afectou á localidade o pasado 19 de setembro. A celebración desenvolverase do 7 ao 9 de novembro, coincidindo coa festividade de San Martiño, cun programa de actividades pensado para todos os públicos.
As actividades comezarán o venres 7 coa visita de Os Bolechas ao CEIP Plurilingüe Virxe do Carme ao mediodía, que presentarán o seu espectáculo O Gran Reto. Pola tarde disputaráse o II Torneo de Catán, e a xornada rematará coa actuación da Orquestra Olympus a partir das 22:00 horas.
O sábado 8 celebrarase misa solemne ás 12:00 horas, seguida dunha paellada xigante e magosto ás 14:00 horas, amenizados polo dúo Charada. Pola noite, a Orquestra Los Coleguitas actuará en dous pases, e o cantante Roi Casal ofrecerá un concerto ás 22:00 horas.
O domingo 9 a programación arrancará cun pasarrúas da Banda de Música de Sober. Ao mediodía celebrarase misa presidida polo bispo de Lugo, Alfonso Carrasco, con acompañamento do Coro Berea, seguida dun concerto vermú ás 14:00 horas a cargo da mesma banda. A xornada concluirá ás 21:00 horas co espectáculo A Historia da Verbena Galega, que contará coa Orquestra La Oca Band e a participación do humorista Manuel Manquiña.