Sober promociona no 23 Salón Xantar os seus produtos gastronómicos
O Concello de Sober continúa fiel á súa cita con Xantar, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico que celebra en Expourense do 9 ó 13 de novembro a súa edición número 23.
A través dun stand propio, o Concello de Sober promocionará o seu máis emblemático produto froito da viticultura heroica, o viño de Amandi; pero tamén outros coma a rosca de Sober ou os seus atractivos turísticos “que son moitos”, segundo destaca o alcalde, Luis Fernández Guitián. Situado na Ribeira Sacra, Sober é un destino “único que merece a pena visitar”.
O 23 Salón Xantar é unha nova oportunidade para seguir dando a coñecer o seu patrimonio arquitectónico que conta con numerosas mostras do románico rural e o seu patrimonio natural marcado polo canón do Sil, que se pode ver dende os distintos miradoiros. Unha ruta cicloturista incluída no visor A paisaxe de Galicia dende a bicicleta, permite apreciar a súa singularidade.
No stand do Concello de Sober tamén haberá información sobre a olería de Gundivós e sobre a oferta de aloxamentos rurais e locais de hostalería e restauración.
Degustacións
O espazo de Festas gastronómicas acollerá maña mércores día 9, día dedicado ao Concello de Sober, e o sábado día 12 senllas degustacións de viños de Amandi da D.O. Ribeira Sacra con rosca de Sober e queixos das D.O. galegas. As degustacións están previstas entre as 13.30 e as 14.15 horas.