Sober presenta o programa de actividades de Nadal
O Concello de Sober presenta o programa completo de actividades para festexar o Nadal, pensando para todas as idades, segundo asegura o propio alcalde, Luis Fernández Guitián.
O Nadal de Sober arrancará o vindeiro día 13 de decembro co acendido das luces e a instalación de dous beléns, un deles situado no Centro Sociocultural e feito coas pezas de madeira doadas polo xa falecido Ruperto Álvarez, e outro a tamaño natural e elaborado en madeira por Eugenio Linares, que será instalado na Praza do Concello e sumará este ano unha nova figura.
O domingo, 15 de decembro, terá lugar unha actuación do Trícole, así como o Festival de Nadal da Escola de Música de Sober.
Papá Noel chegará o venres día 20 de decembro, e o 21 terán lugar dous concertos con panxoliñas a cargo de O Trícole, un deles en Sober e outro na igrexa de Bolmente. Ademais, ese mesmo sábado haberá tamén un concerto de de Perisic & Urquiaga, das Xuventudes Musicais.
Pola súa conta, o xoves 26 de decembro haberá unha Festa Infantil de Nadal no pavillón do Colexio e o venres 27 terá lugar un concerto de Xingros Big Band. Para rematar decembro, o día 30 a Biblioteca de Sober recibirá a visita da Apalpadora.
A programación continuará o 3 de xaneiro cun contacontos e Cantos de Reis a cargo de O Trícole e o domingo día 5 o concello de Sober recibirá a visita dos Reis Magos de Oriente.
Para rematar, o 10 de decembro inaugurarase a mostra de fotos 'Ingredientes de cocktails' de Macrolans Studio.