Sober presenta o cartel e o programa da XLVI Feira do Viño de Amandi

O Concello de Sober prepárase para celebrar o “Mes do Amandi”, que encherá de actividades culturais e enolóxicas todo o municipio durante o mes de marzo. Concertos, presentacións de libros, catas, maridaxes e xornadas técnicas conforman unha programación variada que precede á XLVI Feira do Viño de Amandi, declarada Festa de Interese Turístico Galego, e que busca achegar a todos os públicos á riqueza do territorio e dos seus viños. O cartel e o programa foron presentados este sábado no miradoiro de Xabrega.
Entre as citas culturais destacan varias presentacións literarias na Biblioteca Pública Municipal, como “Niño de barro y su metamorfosis” de Esteban Jiménez, que terá lugar o martes 3 de marzo ás 18:00 horas, e “Queda moito que sachar. A literatura galega nunha caixa de zapatos” de Xosé Manuel Del Caño, programada para o martes 17 de marzo tamén ás 18:00 horas. Ademais, o venres 13 de marzo ás 19:00 horas presentarase o libro “Árbores senlleiras do Arciprestado de Amandi-Concello de Sober” no Centro Sociocultural, editado por GDR Ribeira Sacra-Caurel.
A música terá un papel destacado na programación. O sábado 7 de marzo ás 19:00 horas o grupo vocal Solo Voces ofrecerá un concerto na Igrexa de Santa María de Proendos, mentres que o domingo 15 de marzo ás 19:00 horas o Centro Sociocultural acollerá un cine-concerto con O heroe do río de Buster Keaton, acompañado de música en directo por Caspervek. Por outra parte, o sábado 21 de marzo ás 19:30 horas, a Casa Museo Genia Trigo de Gundivós recibirá un concerto de guitarra a cargo de Gonzalo Peñalosa, organizado por Xuventudes Musicais de Sober.
A enoloxía e a gastronomía estarán presentes con xornadas de maridaxe e catas de viño. O xoves 18 de marzo de 12:30 a 14:30 horas, na Escola de Hostalaría de Rosende, realizarase unha xornada de maridaxe do Viño de Amandi con produtos IXP Grelo e IXP Lacón de Galicia. Así mesmo, o martes 24 de marzo celebrarase o V Concurso de Cata por Parellas no Centro Sociocultural, mentres que o mércores 25 e o xoves 26 de marzo organizaranse xornadas técnicas e catas sobre variedades resistentes a enfermidades e viños sen alcol, coordinadas por especialistas en enoloxía.
Ademais, durante todo o mes desenvolveranse talleres de fotografía na Casa Grande de Rosende, actividades conmemorativas do 8-M e exposicións dos carteis presentados ao concurso da feira, reforzando o carácter cultural e participativo do evento.
Pola súa banda, a feira celebrarase os días 27, 28 e 29 de marzo, cun amplo programa de actividades no que o viño será o absoluto protagonista.