Sober prepárase para a XXVIII Feira da Rosca e o VII Túnel do Viño de Amandi

RibeiraSacraXa
O Túnel do Viño de Amandi vaise celebrar os días 11 e 12 de agosto, mentres que a tradicional degustación gratuíta de 2.000 racións de rosca con queixo terá lugar o martes día 12
feira-da-rosca-sober
Feira da Rosca de Sober
6 Aug 2025

O Concello de Sober deu a coñecer a programación da XXVIII Feira da Rosca, Mel e outros Produtos da Ribeira Sacra, xunto co VII Túnel do Viño de Amandi, que se celebrarán o luns 11 e o martes 12 de agosto.

O martes 12, os postos abrirán ás 10:00 horas para ofrecer os produtos típicos da feira, entre eles a rosca e o mel. Ás 11:00 horas, terá lugar unha demostración de talla con motoserra a cargo de Eugenio Linares.

Durante a mañá, de 11:00 a 13:00 horas, haberá dous obradoiros abertos a todos os públicos: un de feltro organizado por Ovella Viva e outro de cestería en vivo impartido polo CENTRAD da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Ás 12:00 horas actuará o grupo de música tradicional Os Valouros dentro do programa Tradigalu da Deputación de Lugo. Ás 13:00 horas realizarase unha degustación gratuíta de 2.000 racións de rosca con queixo, ofrecida polo Concello e con colaboración de Queserías Prado.

Como novidade, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) organizará unha experiencia gastronómica gratuita na Praza do Concello durante o día 12. O cociñeiro José Manuel Mallón preparará 500 tapas con produtos galegos, entre as que destacan empanada de pemento do Couto con San Simón da Costa, tosta de pan galego con tenreira galega e mostaza de grelos, e como sobremesa crema de tarta de queixo Irmáns de Leite con mel de Galicia e granola Ai.

En canto ao VII Túnel do Viño de Amandi, abrirá o luns ás 19:00 horas, acompañado dunha actuación do grupo Nectarine Soul. No evento, organizado por Vinosacra, participarán 25 adegas cun total de 50 referencias de viños da subzona de Amandi e Sober, que se poderán degustar nunha carpa instalada na Praza do Concello. A empresa cárnica lucense Torre de Núñez tamén colabora nesta iniciativa.

O Túnel do Viño permanecerá aberto o luns ata as 23:00 horas e o martes en horario de 11:00 a 15:00 horas.

⚙ Configurar cookies
0.73837113380432