Sober ofrece actividades deportivas e ximnasia nas parroquias
O Concello de Sober retoma as actividades deportivas e a ximnasia de mantemento nas parroquias. Tamén está a disposición dos veciños e veciñas o ximnasio municipal.
Así pois, as actividades deportivas desenvolveranse no ximnasio municipal de Sober de luns a xoves. Os luns será o turno de ximnasia de mantemento -ás 18 horas-, de pilates -ás 19 horas- e de aeróbic e tonificación -ás 20 horas-. No caso dos martes, ás 11 horas haberá clase de ximnasia de mantemento e ás 12 horas de pilates.
Os mércores dispoñerase de sesións pola mañá e pola tarde para que todas aquelas persoas que desexen participar, se poidan adaptar aos horarios. Desta maneira, ás 11 haberá clase de ximnasia de mantemento, así coma ás 18.15 horas. A continuación, ás 20 horas, será o turno de aeróbic e tonificación. Finalmente, os xoves contarán co mesmo horario que os martes.
Por outra beira, nas parroquias, realizarase ximnasia de mantemento. Os luns será en Neiras ás 16.30 horas e os mércores será ás 16 horas en Anllo e ás 17 horas en Rosende.
Ademais, xa se coñecen os horarios do ximnasio municipal de Sober para todos aqueles veciños e veciñas que o desexen empregar. Os luns estará aberto de 18 a 21 horas, os martes de 10.30 a 13.30 horas, os mércores de 10.30 a 13.30 horas e de 18 a 21 horas e, finalmente, os xoves será de 10.30 a 13.30 e de 17 a 20.30 horas. Así mesmo, dende o Concello informan que é preciso facer reserva de horario para o uso da sala de máquinas.
Para anotarse e obter máis información de 10 a 14 horas na Casa da Cultura ou no teléfono 982 460 513.