Sober instalará unha pérgola para humanizar a contorna da Alameda

A Xunta colabora co Concello de Sober no acondicionamento da Alameda da praza da vila, onde se instalará unha pérgola para humanizar a contorna e acadar unha zona protexida no verán.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto á directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, achegouse esta fin de semana a Sober para asinar co alcalde, Luis Fernández, un convenio de colaboración para materializar as actuacións previstas.
O investimento total das intervencións suma algo máis de 70.000 euros, dos que a Xunta financia o 70%, é dicir, 49.521 euros, e o Concello o 30% restante, 21.2243 euros.
Allegue sinalou que a previsión é que as obras comecen a principios do 2025 e poidan xa estar rematadas no mes de xuño para dar servizo no período estival.
As actuacións levaranse a cabo de xeito conxunto na Alameda desta praza, onde se prevé a colocación desta pérgola, que ademais de acadar un punto de encontro de veciños e visitantes, funcionará como un espazo de refuxio para días de calor.
Esta zona dotarase de bancos e habilitarase a instalación de iluminación pública mediante luminarias LED, que permitirán un aforro enerxético.
Ademais disporanse arborado e plantas para embelecer esta contorna e contribuír a xerar sombras.
A conselleira lembrou que estes traballos darán continuidade á reforma realizada pola Xunta nesta praza en 2017, cun investimento de case 280.000 euros que permitiu abordar unha remodelación.
Plan Hurbe
Remarcou que estes proxectos se acometen a través do Plan Hurbe do Goberno galego, apoiando aos municipios para mellorar a calidade de vida dos veciños. Con este programa, a Xunta colabora no financiamento da dotación de equipamentos públicos ou a mellora de contornas urbanas.
Trátase de obras de humanización e mellora dos espazos públicos que xogan un papel fundamental para a posta en valor das vilas, e para dinamizalas social e economicamente.
Cómpre lembrar que a Xunta investiu nos últimos catro anos 17 millóns de euros en máis de 80 actuacións en Galicia ao abeiro deste programa. De xeito máis concreto, entre 2010 e 2024 desenvolvéronse 423 actuacións en concellos ao abeiro do Plan Hurbe.
No ano 2024, este plan tivo un investimento de 8,5 millón de euros que a Xunta seguirá mantendo nos Orzamentos do 2025, con partidas duns 9 millóns de euros.
Por outra parte, no ámbito das estradas, a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas tamén está a avanzar no proxecto para habilitar unha glorieta na LU-903 en Doade, pois xa están xa convocados os actos expropiatorios.
Esta intervención suporá un investimento de preto de 410.000 euros e ten como obxectivo facilitar os movementos de forma máis áxil e segura na intersección entre esta vía e a estrada provincial LU-P-5903.