Sober implanta a plataforma dixital de núcleos rurais en estado de abandono

RibeiraSacraXa
A plataforma está aberta a propietarios de inmobles baleiros e persoas interesadas en mercar ou alugar este tipo de edificios.
rural abandonado sober
28 Xuño 2021

A Xunta de Galicia acaba de activar oficialmente a súa plataforma dixital de núcleos rurais en estado de abandono, unha ferramenta novidosa prevista na Lei de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbana para loitar contra o despoboamento e reactivar estas zonas da Comunidade.

A plataforma está dispoñible e, polo momento, tan só ofrece información relativa a inmobles localizados en Sober, o concello escollido para realizar a experiencia piloto de lanzamento.

Precisamente, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou o municipio lucense para presentar a iniciativa e animar ao resto de entidades locais galegas con núcleos rurais en situación de abandono a sumarse e seguir o exemplo de Sober, un concello pioneiro en canto ao uso e aproveitamento desta nova ferramenta dixital co obxectivo de atraer poboación.

Para estender esta proba piloto ao resto de Galicia, a responsable autonómica incidiu en que a Xunta necesita do apoio e da cooperación da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), dos administradores de fincas e do sector inmobiliario.

De feito, asinou un protocolo de colaboración co presidente da Fegamp, Alberto Varela, co presidente do Colexio Oficial de Administradores de Fincas de Galicia, Martín Bermúdez de la Puente, e co presidente do Colexio de Axentes da Propiedade Inmobiliaria da Coruña, Herminio Carballido, co fin de contribuír á difusión desta nova ferramenta entre todos os seus beneficiarios potenciais.

Neste sentido, Ángeles Vázquez explicou que a plataforma está aberta á participación dos concellos, que poden incorporar información sobre as zonas e lugares en situación de abandono que hai nos seus respectivos termos municipais; aos particulares con inmobles neste tipo de núcleos, que poden aproveitala para sacar ao mercado as súas propiedades; e tamén ás persoas interesadas en mercar ou alugar inmobles nun entorno rural.

En definitiva, o obxectivo da iniciativa presentada, indicou, é mobilizar por toda Galicia inmobles e núcleos abandonados, total ou parcialmente, para darlles unha segunda vida e atraer á xente a vivir no medio rural e rodeada de natureza, unha alternativa que a raíz da covid conta cada vez con maior aceptación e demanda.

Aposta firme pola rehabilitación residencial

A través da rehabilitación e da posta en valor destes lugares a Xunta quere avanzar cara ao triplo obxectivo de responder ás necesidades actuais de vivenda da poboación galega, conservar o patrimonio xa construído e diminuír os impactos sobre o medio e a paisaxe.

Para logralo, a conselleira referiuse a algunha das medidas concretas postas en marcha polo seu departamento co fin de ofrecer alternativas e incentivos para vivir en núcleos rurais, como as axudas de ata 10.800 euros para comprar vivenda en concellos de menos de 5.000 habitantes dirixidas a menores de 35 anos; as subvencións a concellos para rehabilitar inmobles de titularidade municipal e destinalos a alugueiro a prezos vantaxosos; ou a orde de axudas para a rehabilitación de infravivendas.

Neste sentido, a ferramenta dixital de núcleos rurais enmárcase nas políticas impulsadas polo Goberno galego para fixar poboación no rural e loitar contra o despoboamento, incluíndo unha fiscalidade específica, como lembrou a conselleira, con “impostos cero” para quen compre a súa residencia habitual nunha destas zonas. “Poñámolas en valor para atraer a posibles inversores e para que o rural siga sendo ese lugar vital que todos precisamos e ao que todos, nalgún momento, necesitamos volver”, concluíu.

0.20231795310974