Sober formará parte da campaña Come Local no comedor escolar
A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), está a promover por terceiro ano consecutivo a campaña “Come Local” nos comedores escolares, co fin de impulsar o consumo dos produtos agroalimentarios galegos con indicativo de calidade nestes espazos educativos.
O Concello de Sober súmase por vez primeira a esta campaña a través do CEIP Plurilingüe Virxe do Carme, o único da Comarca que formará parte desta iniciativa.
Así, ata o vindeiro 21 de xuño de 2022, impartirase formación e asesoramento aos responsables dos comedores adheridos a este programa. Neste senso, non só de trata de degustacións de menús especiais senón que tamén desenvolveranse actividades formativas tanto sobre as características nutricionais dos propios produtos, como o impacto que supón o consumo de produtos certificados na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU.
Este programa tivo moi boa acollida nas súas dúas anteriores edicións, e nesta ocasión participarán 14 comedores escolares das catro provincias galegas. Son: CEIP Labarta Pose (Zas), CPI Plurilingüe Cabo da Area (Laxe), CEIP de Palas de Rei (Palas de Rei), CEIP Plurilingüe de Luíntra (Luíntra), Nuestra Sra. de los Remedios (Compostela), CEIP Filomena Dato (Barbadás), CEIP Rogelio García Yáñez (Ramirás), CEIP Roberto Blanco Torres (A Peroxa), EI Marisma de Santa Mariña (Redondela), CEIP de Soutelo de Montes (Soutelo de Montes), CPI Alcalde Xosé Pichel (Coristanco) e CEIP Plurilingüe Virxe do Carme (Sober), CEIP Virxe da Barca (Muxía) e o CEIP Ruxidoiro de Barbadás.
No presente curso, levaranse a cabo numerosas degustacións de produtos provistos de denominación de orixe, indicación xeográfica protexida ou produtos ecolóxicos, ademais de impartirse charlas formativas para que os máis cativos coñezan a importancia de consumir produtos locais e como poden identificalos de xeito sinxelo grazas ás distintas etiquetas dos selos de calidade.