Sober executou 24 proxectos de desenvolvemento rural
O concello lugués de Sober executou diversos proxectos que foron beneficiarios da medida Leader. Así pois, dende o goberno galego destacouse a importancia destes fondos europeos, que só no período 2014-2020 permitiron desenvolver un total de 24 proxectos, que mobilizaron un orzamento de case un millón de euros e contaron cunha axuda de máis de 450.000 euros, xestionada polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ribeira Sacra-Courel.
Pola súa parte, as instalacións do edificio de usos múltiples para as emerxencias municipais contaron cunha axuda do Leader duns 21.500 euros e as obras consistiron na rehabilitación e acondicionamento dun edificio municipal para que os servizos de emerxencias municipais puideran dispoñer dun local propio.
As instalacións do centro de xogo infantil A Mariola, pola súa parte, beneficiaronse dunha axuda de case 26.000 euros do programa Leader para o acondicionamento dun local -propiedade do concello- destinado a zona de ocio para os nenos.
Neste senso, hai que lembrar que dos 24 proxectos aprobados sete foron presentados polo Goberno local para mellorar a calidade de vida dos cidadáns de Sober. Así, sinalouse que a medida Leader permite dotar ao rural galego de servizos para a poboación, mellorando tamén as condicións para crear e manter emprego no agro. Ademais, facilita o desenvolvemento de proxectos de natureza produtiva que supoñen a realización dunha actividade económica con fins lucrativos e tamén proxectos de natureza non produtiva, consistentes na realización dunha actividade de interese público ou colectivo, como é o caso dos dous proxectos visitados.
Ademais, hai que recordar que mañá, xoves 3 de xuño, remata o prazo para solicitar as subvencións para a execución de proxectos desta medida Leader, que conta cun orzamento de 13 millóns de euros para as anualidades 2021 e 2022. Así, os interesados deberán presentar as súas solicitudes ao GDR que corresponda, tendo en conta a localización do investimento.
Así mesmo, a asignación total da medida Leader para o período 2014-2020 en Galicia é de 84 millóns de euros. A través desta medida, búscase garantir a sustentabilidade da actividade no rural, mediante o coidado e a utilización adecuada dos recursos naturais, potenciar a gobernanza local e a animación social do territorio e contribuír á concienciación e adaptación ante o cambio climático, fomentando o uso de enerxías renovables e a mellora da eficiencia enerxética.
Bodega Porencia
A bodega Proencia adscrita á denominación de orixe Ribeira Sacra contou tamén cunha achega Leader de case 25.000 euros para a construción dunha sala de catas.