Sober dedica a rúa do colexio á pintora Maruja Mallo

RibeiraSacraXa
O Concello organiza tamén unha homenaxe para conmemorar os 30 anos do seu falecemento
naz-sober
Lugar de Naz, parroquia de San Martiño de Anllo, Sober
2 Feb 2025

O Pleno celebrado esta semana en Sober acordou, a proposta do goberno municipal, dedicarlle a rúa do colexio, ata o de agora sen nome, á pintora Maruja Mallo, polas súas raíces no municipio, en concreto co lugar de Naz, parroquia de San Martiño de Anllo. A proposta foi aprobada por unanimidade.

Polo que se sabe, o seu avó materno, José González, máis coñecido como Pepito, ferreiro de profesión, naceu e medrou na aldea de Naz, ata que emigrou a Vigo. Alí, explican dende o Concello, casou con Emilia Lorenzo e chegou a ser alcalde do desaparecido concello de Lavadores, que na actualidade está integrado no municipio vigués. Do matrimonio nacería María González Lorenzo, nai da pintora. Esta casou en Vigo co madrileño Justo José Gómez Mallo, unión da que naceu na cidade de Viveiro Ana María Manuela Isabel Gómez y González, nome completo de Maruja Mallo.

Acto de homenaxe

O próximo día 6 de febreiro cúmprense 30 anos do seu falecemento. Coincidindo con esta efeméride, o Goberno local ten previsto facer un acto de homenaxe co alumnado e profesorado do CEIP Plurilingüe Virxe do Carme no que participarán especialistas na vida e obra da artista.

Unha placa co seu nome

O alcalde, Luis Fernández Guitián, tamén explica que xa se porá unha placa co seu nome para sinalizar o nome da rúa e honrar así memoria desta artista de recoñecemento internacional. Previsiblemente inaugurarase no Mes do Amandi.

0.13738608360291