Sober dará a coñecer este sábado o cartel e a programación da XLVI Feira do Viño de Amandi

RibeiraSacraXa
A feira deste ano celebrarase do 27 ao 29 de marzo
pregon-feira-do-viño-de-amandi-2025
25 Feb 2026

O Concello de Sober dará a coñecer este sábado no Miradoiro do Xabrega o cartel anunciador da XLVI Feira do Viño de Amandi, así como a programación do Mes do Amandi e as actividades previstas para a propia feira, que se celebrará os días 27, 28 e 29 de marzo, coincidindo coa fin de semana do Domingo de Ramos.

O cartel gañador é “Amandi. Un viño de cine”, da deseñadora e directora do estudo Boconti, Marta Luisa Silvarrey, natural de Begonte. O xurado, composto por técnicos municipais, seleccionou esta proposta entre unha vintena de candidaturas procedentes de diferentes puntos do Estado.

A autora recibirá 800 euros e un diploma, e a súa obra será a imaxe oficial da XLVI edición da feira. Ademais, todos os carteis presentados formarán parte dunha exposición na Casa da Cultura de Sober, que poderá visitarse do 2 de marzo ao 6 de abril.

O evento deste sábado servirá tanto para presentar o cartel como para dar a coñecer a programación cultural e enolóxica que acompañará á feira, consolidando unha das citas máis destacadas do calendario vinícola galego.

0.12660193443298