Sober convértese en capital da loita pola plena inclusión das persoas con discapacidade
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, destacou este sábado que a necesaria suma de esforzos entre as administracións públicas e as entidades sociais permitiu acadar moitos logros no ámbito da discapacidade.
Fíxoo no marco dun encontro de confraternidade organizado por Fademga e por Special Olympics no Concello de Sober e no que participaron máis de 30 persoas entre persoal das entidades, familias de usuarios, deportistas e membros das administracións. A xornada incluíu visitas turísticas polo concello.
Abeijón asegurou que encontros coma o de hoxe son necesarios para reflectir esa necesaria alianza entre as administracións públicas e o tecido social galego e animou a seguir traballando xuntos para acadar o reto máis importante: a plena inclusión das persoas con discapacidade.