Sober acolleu unha nova edición da Feira da Rosca e do Túnel do Viño de Amandi con gran éxito de participación

O Concello de Sober enchéuse un ano máis de visitantes para celebrar a XXVIII Feira da Rosca e o VII Túnel do Viño de Amandi, unha cita xa consolidada no calendario festivo verán da comarca.
Os postos de artesanía e gastronomía abriron ás 10:00 horas, ofrecendo produtos típicos da celebración, entre eles a rosca e o mel. Ás 11:00 horas tivo lugar unha demostración de talla con motosierra a cargo de Eugenio Linares, que elaborou un banco cunha rosca e unha vide.
Entre as 11:00 e as 13:00 horas desenvolveuse un obradoiro de feltro para todos os públicos impartido por Ovella Viva, mentres que o CENTRAD da Vicepresidencia da Deputación de Lugo ofreceu un obradoiro de cestería en vivo.
Ás 12:00 horas actuou o grupo de música tradicional Os Valouros no marco do programa Tradigalu da Deputación de Lugo. Ás 13:00 horas tivo lugar a tradicional degustación gratuíta de 2.000 racións de rosca con queixo, ofrecida polo Concello de Sober e coa colaboración de Queserías Prado, con gran participación de público.
Paralelamente, celebrouse o VII Túnel do Viño de Amandi, que abriu as súas portas xa desde a tarde do día anterior. Organizado por Vinosacra, contou coa participación de 25 adegas e 50 referencias de viños da subzona de Amandi e Sober, que se puideron degustar nunha carpa instalada na Praza do Concello. Ademais, colaborou a empresa cárnica lucense Torre de Núñez.