Sober acolleu a primeira xornada para lanzar a estratexia de participación na candidatura Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial

RibeiraSacraXa
A xornada para lanzar a estratexia de participación veciñal na candidatura Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial celebrouse este sábado, no que se xuntaron na Casa Grande de Rosende de Sober veciños e veciñas para informarse e opinar sobre o proceso da candidatura.
Construindo Ribeira Sacra patrimonio
10 Mar 2024

A xornada para lanzar a estratexia de participación veciñal na candidatura Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial celebrouse este sábado, no que se xuntaron na Casa Grande de Rosende de Sober veciños e veciñas para informarse e opinar sobre o proceso da candidatura.

Trátase dunha primeira actividade para retomar contacto cos axentes locais e que será seguida dunha serie de actividades nos vindeiros meses por todo o territorio.

O programa abriuno Cipriano Marín, relator do expediente da candidatura, para comentar o estado actual do proceso e os principais cambios no relanzamento, centrado na declaración da Ribeira Sacra como paisaxe cultural da auga. Na súa intervención Marín salientou que a candidatura é unha carreira de fondo e que non debe ser considerada a fin, senón un punto de partida para acadar un territorio comprometido co seu patrimonio e o desenvolvemento sostible.

A segunda intervención foi a cargo de Mario Crecente quen estivo aclarando detalles do novo expediente da candidatura, desta vez delimitado xeograficamente para abranguer o territorio BIC, e coa auga como elemento conector. Crecente tamén repasou a liña temporal do proceso da candidatura, sendo un dos fitos máis próximos a primeira entrega do expediente para outono do presente ano. De cara ao relanzamento da candidatura, tanto Crecente como Marín afirmaron que contar coa participación veciñal é parte fundamental.

Nesta liña, a terceira intervención da xornada foi a cargo de Xosé Gago para presentar a estratexia participativa que terá lugar ao longo dos vindeiros meses. Gago informou das tres figuras de participación nas que estarán representados os sectores social, económico e cultural.

Tras a intervención de Gago, comezaron as sesións de participación xunto cos asistentes, entre os que se contaba unha vintena de representantes de diferentes lugares e sectores da Ribeira Sacra. As sesións serviron para empezar a poñerse caras e como punto de partida para recoller opinións e observacións sobre a candidatura, así como resolver dúbidas.

0.1909658908844