Sober abre o prazo de inscricións para os servizos de conciliación
O concello de Sober volve poñer en marcha para este curso 2022-2023 o servizo ‘Concilia’ para a atención do alumnado antes e despois da xornada ordinaria lectiva de forma gratuíta para as familias. Dispón por unha banda do servizo de madrugadores e pola outra, do de ludotardes.
O prazo de inscrición xa está aberto e pode formalizarse no departamento de Servizos Sociais ou no propio CEIP Virxe do Carme.
Trátase dun servizo de axuda ás familias dos alumnos e alumnas matriculadas neste curso no colexio de Sober que necesiten ou desexen que os seus fillos e fillas entren antes ou saian máis tarde do colexio. Os nenos e nenas participantes estarán atendidos por profesionais que coordinarán distintas actividades.
O servizo de madrugadores atenderá aos escolares antes do horario ordinario e funcionará en horario de 7.45 a 9.30 horas da mañá no que o profesional se encargará da atención aos alumnos realizando diversas actividades que axudarán aos nenos e nenas a comezar o día da mellor maneira a través de xogos, actividades de lectura ou debuxo.
E xa polas tardes ofrecerase un servizo de ludotardes no que os nenos e nenas poderán aproveitar para compartir cos seus compañeiros xogos e actividades antes de ser recollidos polas súas familias. O horario destas ludotardes será de 15.45 a 17.30 horas.
Dende o Goberno local recoméndase inscribir aos nenos aínda que non vaian facer uso do servizo de xeito regular, posto que cando precisen botar man del xa teñen os trámites feitos.
Sober convértese así no único concello de toda a comarca que presta os dous servizos.
O alcalde, Luis Fernández Guitián, explica que “este servizo favorece a conciliación laboral e familiar ao mesmo tempo que afonda na aprendizaxe dos nenos e nenas e lles permite divertirse cos compañeiros e compañeiras” e , polo tanto, anima ás familias que o precisen a inscribir aos nenos e nenas.
O rexedor destaca que “Sober é o único concello de toda a comarca que conta cos dous servizos de atención ao alumnado tanto o de madrugadores coma o de ludotardes.