Sober abre o prazo de inscrición do servizo de conciliación familiar
O Concello de Sober vén de abrir o prazo para anotarse no servizo de conciliación familiar Concilia destinado ao alumnado do Colexio Virxe do Carme durante o curso 2021/2022. O obxectivo deste servizo, que tivo unha boa acollida nos cursos anteriores atendendo a máis de 30 familias ao ano, é o de servir de axuda aos pais que precisen que os seus fillos sexan atendidos un tempo antes de entrar ou despois de saír do Colexio.
Está previsto que o servizo empece a funcionar o día 1 de outubro. As familias interesadas en inscribirse poden facelo no Colexio Virxe do Carme ou no Concello de Sober.
Servizo de mañá e de tarde
O servizo Concilia é o único da Comarca que ofrece dúas modalidades: unha pola mañá e outra pola tarde. A través do servizo Madrugadores, con horario de 7:45 a 9:30 horas, o profesional do servizo encargarase da atención aos nenos e nenas para comezar o día antes do horario lectivo con xogos, actividades de lectura, debuxo, etc.
Xa pola tarde, de 15:45 a 17:30 horas, o Concello de Sober oferta tamén un servizo denominado Ludotardes no que os nenos e nenas poden aproveitar para compartir cos seus compañeiros xogos e actividades antes de que os pais os recollan.
Medidas anticovid
Fernández Guitián explica que “co obxectivo de manter afastada a covid19, o servizo Concilia do Concello de Sober cumprirá con todas as medidas de prevención e protocolos establecidos polas autoridades sanitarias”.