Sita Abellán e Albany, incorporacións de luxo ao cartel do Festival Música Na Rúa
O Festival Música na Rúa de Escairón (O Saviñao) incorpora dous nomes de luxo para a súa XII edición, que terá lugar nesta localidade entre o 4 e o 7 de agosto. Por unha parte a DJ techno, modelo e estilista Sita Abellán e por outra, unha das raíñas do trap español como é Albany, unha das artistas emerxentes do momento.
Sita é unha das máis deslumbrantes aparicións das novas celebrities españolas. Saltou á fama como modelo, protagonizando o videoclip da súa amiga Rihanna Bitch better have my money. É estilista de celebrities que van de Kim Kardashian a J Balvin, pasando pola propia Rihanna ata a mesmísima Rosalía e, coa súa estética manga e o seu techno escuro, converteuse nunha icona en Xapón.
Con preto dun millón de seguidores en Instagram, Sita Abellán ten picado o seu techno industrial e escuro, influído polo son de Berlin ou a Ruta do Bacalao, en clubes e festivais de todo o mundo, pasando polas Vegas ou o Sónar de México. A súa medida estética e o seu orixinal estilismo convertérona tamén nunha artista adorada pola comunidade LGTBI.
TRAP TRISTE
Pola súa banda, Alba Casas, Albany, é unha das raíñas do trap español actual. Albany deuse a coñecer en 2015 con cancións que celebran a tristeza, sendo etiquetada a súa música como “sad trap” ou trap triste. Con só 24 anos tocou nalgúns dos festivais españois máis importantes como o Primavera Sound ou o Monkey Week.
O pasado ano, o tema Sugar Mami, que lanzou con La Zowi, converteuse nun dos grandes temas do verán. Algúns grandes nomes de amigos como C. Tangana e Yung Beef, teñen colaborado nos seus traballos. Ademais, coa súa canción Nadie, puxo a banda sonora á película premiada cun Goya La Hija de un ladrón, ou na exitosa serie de Netflix A través de mi ventana.
ENCLAVE ESPECTACULAR
A XII edición do Festival Música na Rúa terá lugar nun anfiteatro natural na aldea de Fión en Escairón, un espectacular balcón sobre o Río Miño en plena Ribeira Sacra. Os nomes de Sita Abellán e Albany súmanse a un cartel no que haberá máis de trinta bandas, entre as que están nomes de ultimísima fornada como La Élite, Chill Mafia, Chico Blanco, Rusowsky, Somos La Herencia, Plasaporros ou VVV (Trippinyou). Este espectacular paraxe natural terá unha zona de acampada perfectamente acondicionada.
ABONO EN OFERTA
Na actualidade hai unha oferta de lanzamento co abono para catro días a un prezo reducido de só 35 euros, que se poden mercar a través de www.teuticket.com