Si este é o pobo de Deus, que o demo me leve

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa
En Faíscas que espalla o vento, Raúl Río fai un percorrido polos feitos da historia máis recente e coa perspectiva actual
11 Apr 2024

Por Raúl Río.

Don Manuel Curros Enriquez, no poema “Mirando ó chau”, afirma que Deus ollaba a terra desde o ceo e vendo as inxustizas e maldade que había neste planeta, exclamou: “Si eu fixen tal mundo, que o demo me leve”. Eu acordeime desa escena ao ver o xenocidio que están levando a cabo os xudeus en Palestina; eles que se auto-consideran o pobo elixido por Deus, como está escrito na Torá, o libro sagrado da súa relixión.

É certo que no Holocausto mais de seis millóns de xudeus foron exterminados polos nazis nos guetos e nos campos de concentración, pero eles, sabedores do sufrimento que lles causou ese Holocausto, na vez de procurar que iso non volvera suceder e que ningunha outra nena ou neno tivera que escribir “O Diario de Ana Frank”, como fixo a probe Ana nese diario que aconsello ao lector, pero fixéronse donos desa ideoloxía e agora, convertidos en nazis de corazón e pensamento, dedícanse a asasinar covardemente aos mais débiles: mulleres e homes desarmados, pero sobre todo nenos e nenas, para que non cheguen a idade de procrear nin poidan sequera escribir o seu “Diario”, coa maligna intención de facer un xenocidio e exterminar ao pobo palestino, quedándose coas terras nas que viviron os seus antepasados desde fai moitos séculos.

A verdade é que non empezaron agora, pois xa cando, o 14 de maio de 1948, a ONU creou o Estado de Israel nese territorio, que antes se chamaba Palestina, empezaron o xenocidio. Desde aquela asasinaron miles de árabes; creando colonias nas súas terras e violando os acordos das Nacións Unidas, facendo caso omiso dos seus acordos, sobre todo a Resolución 182, que optaba por dividir Palestina en dous Estados, un árabe e outro xudeu, con un réxime internacional especial para Xerusalén, pero desde aquela levan facendo esas atrocidades nazi-fascistas, co apoio estadounidense, e o Estado palestino aínda hoxe non existe.

Non é que o diga eu, pois dese nazismo sionista e imperialista xa falaba o tamén xudeu, Albert Einstein, cando en 1948 criticou ao Partido Herut (Liberdade) de Menachem Begin pola masacre na aldea de Deir Yassin, atribuída a milicianos do Irgún e do Leji, que asasinaron mais de 120 civís e comparou Herut cos “partidos nazis e fascistas”, afirmando ademais, “que o incidente de Deir Yassin exemplificaba o carácter e as accións do Partido da Liberdade”. Daquela dixo: “Hoxe Herut fala de liberdade, democracia e antiimperialismo, pero é nesas accións onde ese partido terrorista traizoa o seu verdadeiro carácter”.

No próximo maio cumpriranse 76 anos de asasinatos e masacres indiscriminadas de palestinos e palestinas ano tras ano, pero agora poñen como escusa a súa defensa para levar a cabo unha guerra contra unha poboación civil indefensa e contra os hospitais onde atenden aos feridos. Din defenderse, arrasando con todo tipo de construcións civís; asasinando e matando de sede e fame mulleres e homes, nenos e nenas sen armas e utilizando a axuda humanitaria internacional como rateira, pois na noite do 29 de febreiro, asasinaron 118 persoas e feriron indiscriminadamente outras 760, que ían coller armas tan necesarias e perigosas como a fariña e outros alimentos.

Durango e Gernika foron, en 1937, as primeiras poboacións bombardeadas nunha guerra. Foi a Lexión Cóndor hitleriana quen levou a cabo aquela “Operación Rügen” contra civís, pois até daquela había un certo humanismo e as normas da ONU vían mal ese tipo de guerra totalitaria; foi un acto tan horrible que incluso quixo negar o franquismo. Pero o sistema capitalista salvaxe de hoxe deshumanizouse e xa non senten noxo os dirixentes socialdemócratas da UE por eses actos crueis que leva a cabo un dos mellores exércitos do mundo, bombardeando impunemente a unha poboación civil.

Os xudeus saben que contan co apoio incondicional de Estados Unidos, “o país da democracia” e creador de organizacións terroristas, que pon ditadores onde lle peta e aos que lles dá barra libre para facer o que queiran, pero chama a atención que ante tanta barbarie, tanto terror e sufrimento inflixido a este pobo árabe para quitarlle as súas terras e o seu gas, atopado agora na costa de Gaza, case todos os dirixentes da Unión Europea e doutros pobos occidentais, como bos lacaios dos ianquis, asubían e miran para outro lado, despreciando a vontade dos seus pobos, que saen ás rúas indignados contra ese xenocidio.

As ministras de Exteriores deste “xardín europeo”, que di Borrell, arrefriaron o pasado 19 de marzo a posibilidade de sancionar Israel polos seus crimes. A falta de consenso impediu revisar as relacións comerciais, como pedían o Estado español e Irlanda, e só serán sancionados seis colonos pola violencia sobre a poboación palestina, coma se fora cousa de catro tolos e non dun xenocidio.

Si este é o pobo elixido por Deus, que o demo me leve.

0.14740395545959