Sergio Alba levará a Sober o seu espectáculo “Dous rombos… Pasa para a cama”

O humorista Sergio Alba chegará a Sober co seu espectáculo “Dous rombos… Pasa para a cama”, unha proposta que convida ao público a mirar cara ao pasado cun sorriso e moita retranca. A cita será o domingo 21 de decembro, ás 19:00 horas, no salón de actos do Centro Sociocultural de Sober.
Trátase dun espectáculo no que a nostalxia xoga un papel fundamental, recuperando lembranzas dunha época marcada polos cambios sociais e culturais, desde a televisión en branco e negro ata a chegada da cor, ou aqueles momentos nos que dous rombos na pantalla anunciaban que chegara a hora de ir para a cama. A través do humor, Sergio Alba propón revisar non só os recordos máis entrañables, senón tamén aquelas situacións das que, co paso do tempo, quizais non nos sentimos tan orgullosos.
A proposta anima a desconectar por un intre da rutina dixital actual e a rir do noso lado máis analóxico, nun espectáculo pensado para todas aquelas persoas que queiran recoñecerse nesas vivencias compartidas.