Froxán reviviu a tradición da castaña nunha nova edición da Festa da Pisa

A Asociación Cultural Fonte do Milagro organizou este sábado unha nova edición da tradicional Festa da Pisa da Castaña en Froxán, un dos eventos culturais con maior percorrido da comarca. A cita combinou tradición, cultura e gastronomía, mantendo viva a esencia e o valor etnográfico dunha práctica centenaria.
O programa comezou co acendido do sequeiro e, durante a xornada, realizáronse mostras e demostracións do pisado e abandoxado tradicional da castaña. O pregón deste ano estivo a cargo da actriz Mónica Caamaño e durante todo o día houbo postos de artesanía e venda de produtos locais, así como servizo de polbo e churrasco.