Semente Ribeira Sacra presentou este mércores en Monforte o Bono de Asesoramento

O Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra presentou este mércores en Monforte o Bono de Asesoramento, unha iniciativa coa que preténdese fortalecer a viabilidade e sustentabilidade dos proxectos finalistas a través dun acompañamento especializado en distintas áreas.
Na undécima edición do certame, celebrada o pasado ano, ademais dos premios económicos destinados aos tres proxectos gañadores —10.000 euros para O Fogar dos Soños, 6.000 euros para Ensácrate e 4.000 euros para Viñalert— incorporouse como novidade a posibilidade de que os dez proxectos finalistas accedan a un programa de asesoramento estratéxico financiado por Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER).
Este bono supón un reforzo no apoio ao emprendemento, ao ofrecer un acompañamento especializado que busca mellorar a viabilidade e sustentabilidade das iniciativas participantes. O programa inclúe mentoría personalizada para orientar ás persoas emprendedoras nos seus retos estratéxicos e operativos, asesoramento na definición de modelos de negocio sostibles que permitan estruturar proxectos sólidos e con capacidade de crecemento, así como apoio en xestión financeira e na procura de vías de financiamento co obxectivo de optimizar recursos e explorar oportunidades de investimento. Ademais, desenvolverase un taller grupal centrado no networking e na creatividade, pensado para fomentar a colaboración e crear sinerxías entre os distintos proxectos.
O deseño do bono aposta por un enfoque práctico e adaptado á realidade de cada iniciativa, combinando sesións individuais con encontros grupais. Esta fórmula pretende equilibrar a formación técnica coa creación de redes de apoio, consideradas claves para consolidar negocios en contornas rurais.
No acto de presentación intervirán a directora xeral de AGADER, Mª Paz Rodríguez Rivera; o técnico de EOSA encargado da formación, Javier Cernadas; e a presidenta da Asociación Semente de Monforte, Pilar López, entidade promotora tanto do concurso como desta nova liña de asesoramento. Durante o encontro explicaranse os detalles dunha actividade que se desenvolverá nos vindeiros meses mediante sesións presenciais e en liña.