Seis centros da provincia incorpóranse ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares

TerraChaXa | LugoXa | RibeiraSacraXa | AMariñaXa
Seis centros da provincia incorpóranse ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares. Na selección de centros deuse prioridade aos do rural
biblioteca escolar libros
23 Oct 2022

A Xunta de Galicia vén de incorporar 25 novos centros educativos públicos ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe), tal e como publica no DOG. Deste xeito, a rede de centros integrados neste programa chega este curso a 798 centros, dos que 754 son públicos e 44 concertados.

O orzamento destinado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades a este plan elévase a 1,6€ para cubrir tanto os fondos destinados aos colexios e institutos de nova incorporación como aos que continúan participando na iniciativa.

Un ano máis a convocatoria dá prioridade aos centros do rural, de tal forma que, en igualdade de puntuación, teñen preferencia os situados en concellos de menor poboación. De feito, dos centros de nova incorporación, a meirande parte son de poboacións de pequena e mediana poboación.

A listaxe dos mesmos conta con seis centros da provincia de Lugo. Na Mariña únense o IES Alfoz-Valadouro e o CEIP Península da Paz de Cervo; ademais do CEIP Plurilingüe de Muimenta e o CEIP Laverde Ruíz de Outeiro de Rei, na zona centro. Da Montaña engádese o CPI Plurilingüe Navia de Suarna para rematar co CEE Infanta Elena de Monforte.

As asignacións para as novas incorporacións estarán destinadas á actualización dos fondos documentais da biblioteca escolar, á renovación do mobiliario e outro equipamento necesario, así como para outros gastos de funcionamento. No caso dos centros integrados no programa en convocatorias anteriores, poderán destinar a asignación a fondos, a mobiliario e outros equipamentos (os incorporados nas convocatorias 2008-09 a 2012-13 e 2021-22) ou a gastos de funcionamento específicos da biblioteca (centros integrados na convocatoria de 2021/22).

A compra dos fondos realizarase, preferentemente, a través das librerías da zona de referencia do centro, e deberá incluír materiais destinados á atención da diversidade (libros e outros materiais destinados ao alumnado con dificultades específicas de aprendizaxe, necesidades educativas especiais, altas capacidades, alumnado inmigrante etc.). Así mesmo, a multiculturalidade e as diversas linguas con presenza no centro deberán ser convenientemente contempladas; e o 50% dos materiais adquiridos deberán ser en lingua galega. Ademais, poderase mercar con estas asignacións mobiliario específico e adaptado ás necesidades da comunidade educativa.

Por outra banda, os centros incluídos neste programa recibirán formación específica, así como asesoramento a través da asesoría de bibliotecas escolares da Consellería.

0.095279932022095