Seguen os paseos en barca polo río Cabe de Monforte durante o mes de setembro

RibeiraSacraXa
Deste xeito, durante todo o mes de setembro, poderán seguir alugándose barcas de paseo no embarcadoiro do Parque dos Condes, de luns a domingo
paseos-río-Cabe-Monforte
30 Ago 2024

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que do 1 ao 30 de setembro o río Cabe continuará acollendo a actividade paseos en barca polo río Cabe, pero cun novo horario, con respecto aos meses de xullo e agosto.

Os paseos en barca foron nos meses de xullo e agosto un gran foco de atracción para a poboación monfortina e para os milleiros de persoas que visitaron a cidade nesta época estival.

Hai diversos aspectos que contribúen a que este evento sexa moi significativo: a súa relevancia na recuperación do río Cabe e o seu contorno como elemento patrimonial de primeira orde en Monforte, o seu papel de acontecemento dinamizador de actividade a carón do río e o fomento que a actividade supón para manter vivo en xeracións de todas as idades o amor pola rica tradición fluvial local en particular e galega en xeral. E tamén é unha actividade que fomenta o deporte, ao ser os propios usuarios os que exercen de remeiros nas barcas.

Deste xeito, durante todo o mes de setembro, poderán seguir alugándose barcas de paseo no embarcadoiro do Parque dos Condes, de luns a domingo, sendo de luns a venres polas tardes de 17.00 a 21.00 horas; mentres que os sábados, domingos e festivos, haberá polas mañás, de 11.00 a 14.00 horas, e polas tardes de 17.00 a 21.00 horas.

Cada paseo, dunha duración de media hora, custa 3,25 euros por barca e a actividade Paseos en Barca polo Río Cabe está organizada polo Concello de Monforte de Lemos en colaboración co Clube de Piragüismo Quixós. Contan tamén co apoio da Deputación de Lugo a través do Plan Deputación 2024 de Cooperación cos Concellos.

0.17692017555237