Segue aberto o prazo para solicitar as axudas para as festas de barrios e parroquias de Monforte
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, recorda que segue aberto, ata o 31 de outubro de 2024, o prazo para solicitar as axudas para a celebración de festas de barrios e parroquias do Concello monfortino, xa que hai asociacións e comisións de festas que aínda non as presentaron.
O rexedor monfortino recorda que neste ano 2024 dende o Equipo de Goberno destináronse 32.000 euros para este fin, que son 12.000 máis que no ano 2023, no que se destinaron 20.000, polo que o incremento é dun 60 % máis en 2024. Este incremento obedece o obxectivo que dende o Executivo de José Tomé ten que é o de “apoiar e incentivar a realización das festas das nosas parroquias e dos nosos barrios”.
Outra das novidades postas en marcha dende o Equipo de Goberno é que todas as entidades e asociacións solicitantes recibirán un importe de 1.000 euros por anualidade, tanto no caso de festas parroquiais, como das correspondentes a barrios da cidade.
Ademais, no caso das parroquias, esta axuda pasa en 2024 de 500 a 1000 euros, co que aumenta o 100 %.
Entre outros requisitos, será imprescindible ter autorización concedida polo Concello de Monforte para a celebración da festa para a que se solicite a axuda, tal e como obriga a Lei de Espectáculos de Galicia.