Segredos de Pantón organiza o VII Concurso Fotográfico de Nadal

Segredos de Pantón pon en marcha a sétima edición do xa tradicional Concurso Fotográfico de Nadal, que estará aberto ata o vindeiro 31 de decembro.
O certame está aberto á participación de todas as persoas que queiran anotarse, pero no caso dos menores deberán ter autorización dos seus correspondentes titores legais.
As fotografías deben reflectir paisaxes outonais e invernais de Pantón, que poderán ser de calquera tipo sempre e cando estean ambientados no concello.
As imaxes deberán ser en cor e pertencer a quen presente a inscrición, ademais de que non se poderán presentar aquelas fotografías que xa foran premiadas con anterioridade, o que suporía automática descalificación dese traballo. A temática será libre e non se aceptarán fotografías pintadas ou manipuladas, montaxes, nin collages.
As persoas interesadas poden presentar a súa proposta a través do correo electrónico segredosdepanton@gmail.com ou a través do 662 669 223, indicando o nome da fotografía, o lugar e o nome da parroquia onde foi sacada.
Os gañadores coñeceranse a partir do 6 de xaneiro ás 17.00 horas, que será cando remate o prazo de votación e os gañadores serán elixidos por votación popular, inda que en caso de empate serán os membros da Asociación Cultural Segredos de Pantón os que terán a decisión final. En total, repartiranse un total de oito premios.