Seceda, en Folgoso do Courel, pon en valor a Carballesa
Seceda, en Folgoso do Courel, volveu poñer en valor a Carballesa. A Asociación de Gaiteiros Galegos, xunto co Concello e a área de Cultura da Deputación de Lugo, organizaron o sábado 20 de abril a segunda edición das xornadas sobre esta tradición, que xurdiron para intentar que non esvaeza unha das riquezas culturais que hai na zona oeste do Concello de Folgoso do Courel.
Deste xeito, organizouse un obradoiro teórico-práctico da man de Montse Rivera, unha sentida homenaxe aos informantes, músicos e bailadores da zona e un filandón aberto para todos os e as asistentes, onde houbo “Contos da Serra”. Durante a xornada, os asistentes tamén gozaron do concerto do grupo de música tradicional Tres Pesos e remataron cun baile no que participaron os grupos Airiños do Neira, Grupo de canto e baile do Courel e o grupo Macizas de Trives.
Esta actividade contou tamén coa colaboración dos artesáns Xosé Maceda e Armaior e da empresa Caurelor. A través de propostas como esta, pretenden "non só difundir a cultura tradicional, senón que ademais queremos fomentar este tipo de encontros, que consideramos imprescindibles, para contribuír e potenciar a divulgación da nosa cultura e a súa conservación. Dende a AGG traballamos arreo para que a nosa cultura e as nosas tradicións non caian no esquecemento e sexan un patrimonio vivo do que sentirnos orgullosos".
E é que neste recuncho do Concello, nas parroquias de Eiriz, do Carballal, de Seceda e no veciño Val do Incio, tocábase e bailábase esta muiñeira característica á que continúan dándolle vida. "Sentimos que temos a obriga, en honor a gratitude a todos eles, de loitar por conservar o noso; e ademais homenaxear e lembrar aos nosos antecesores e as súas ensinanzas e tamén a toda a xente que traballou e que fixo recollidas para que estas riquezas culturais chegaran ata os nosos días".