Seceda do Courel acollerá as segundas xornadas sobre a Carballesa da man da Asociación de Gaiteiros Galegos
A Asociación de Gaiteiros Galegos, xunto co Concello de Folgoso do Courel e a área de Cultura da Deputación de Lugo, organizan o vindeiro domingo 20 de abril, a segunda edición das xornadas sobre a Carballesa, que xurdiu para intentar que non esvaeza unha das riquezas culturais que hai na zona oeste do Concello de Folgoso do Courel.
Neste recuncho do Concello, nas parroquias de Eiriz, do Carballal, de Seceda e no veciño Val do Incio, tocábase e bailábase unha muiñeira característica que se chama Carballesa.
"Sentimos que temos a obriga, en honor a gratitude a todos eles, de loitar por conservar o noso; e ademais homenaxear e lembrar aos nosos antecesores e as súas ensinanzas e tamén a toda a xente que traballou e que fixo recollidas para que estas riquezas culturais chegaran ata os nosos días".
Así, din que o farán a través dun obradoiro teórico-práctico de Carballesa, que impartirá Montse Rivera, unha sentida homenaxe aos informantes, músicos e bailadores da zona, e posteriormente un filandón aberto para todos os e as asistentes, onde haberá “Contos da Serra”, o concerto do grupo de música tradicional Tres Pesos, e rematarase o día cun baile no que participarán tamén os grupos Airiños do Neira, Grupo de canto e baile do Courel e o grupo Macizas de Trives. Esta actividade contará tamén coa colaboración dos artesáns Xosé Maceda e Armaior e da empresa Caurelor.
Desde a asociación animan a todas e a todos a acompañarnos nesta xornada, a desfrutar da música e do baile e convidan a traer os propios instrumentos, "e a gozar dun marabilloso día cheo de música tradicional e a maiores, nun entorno incomparable".
A través de actividades como esta, din, "pretendemos non só difundir a cultura tradicional, senón que ademais queremos fomentar este tipo de encontros, que consideramos imprescindibles, para contribuír e potenciar a divulgación da nosa cultura e a súa conservación. Dende a AGG traballamos arreo para que a nosa cultura e as nosas tradicións non caian no esquecemento e sexan un patrimonio vivo do que sentirnos orgullosos".