Sanidade alerta da mala calidade do aire polos incendios e lembra as medidas de prevención

A Consellería de Sanidade advirte da mala calidade do aire en varias zonas de Galicia a consecuencia dos incendios forestais. O departamento autonómico lembra que esta situación afecta de maneira especial ás persoas con patoloxías respiratorias e insiste na importancia de seguir as recomendacións para reducir os riscos asociados á exposición ao fume.
Segundo explica Sanidade, o fume dos incendios está formado por gases e partículas microscópicas que poden irritar ollos e vías respiratorias, ademais de agravar enfermidades cardíacas e pulmonares crónicas. Os colectivos máis vulnerables son bebés, nenos, mulleres embarazadas, persoas maiores e pacientes con asma, enfisema, EPOC ou problemas cardíacos.
Entre os síntomas máis frecuentes pola exposición ao fume destacan a tose, irritación de ollos, nariz ou gorxa, dificultade para respirar, dor de peito, dor de cabeza, fatiga ou respiración con asubío. Mesmo persoas sen patoloxías previas poden notar molestias cando a concentración de fume é alta.
Recomendacións:
- Limitar ao máximo a exposición ao fume
- Seguir as indicacións das autoridades e estar atentos ás alertas de saúde pública.
- Manter portas e fiestras pechadas se se recomenda permanecer no interior, e usar aire acondicionado se se dispón del.
- Evitar actividades que xeren máis contaminación dentro do fogar, como acender candeas, fumar ou pasar o aspirador.
- En caso de pertencer a un grupo de risco e notar un empeoramento dos síntomas, contactar co médico e seguir o tratamento prescrito.
- Non empregar máscaras contra o po, panos nin roupa como protección, xa que non resultan eficaces contra o fume.
Sanidade insiste en que a prevención é clave para minimizar os efectos do fume dos incendios e protexer a saúde da poboación máis vulnerable.