San Xoán de Río e Manzaneda acollerán en abril unha convivencia do ecosistema emprendedor

RibeiraSacraXa
A iniciativa, denominada Impact Campus Galicia, prevé reunir a máis de 100 participantes co obxectivo de conectar talento, empresa e territorio
estacion-de-montaña-de-manzaneda
16 Mar 2026

San Xoán de Río e a estación de montaña de Manzaneda serán escenario, do 9 ao 12 de abril, dunha convivencia dirixida a persoas e entidades do ecosistema emprendedor galego, centrada no impulso do emprendemento vinculado ao territorio e ao desenvolvemento rural.

A iniciativa, denominada Impact Campus Galicia, prevé reunir a máis de 100 participantes, entre emprendedores, investidores, empresas, estudantes, artistas e deportistas. Está promovida conxuntamente pola Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense, o concello de San Xoán de Río e o movemento Impact Social Cup, referente en emprendemento de impacto positivo.

Durante estes catro días combinaranse actividades de aprendizaxe, turismo e ocio, xunto con accións para interactuar coa comunidade local. Ademais, organizaranse encontros con empresarios e deportistas galegos, e fomentarase o traballo en equipos multidisciplinares para xerar solucións innovadoras aos retos do rural.

O obxectivo principal é conectar talento, empresa e territorio, creando espazos de colaboración que reforcen a innovación social e posicionen Galicia como unha rexión que aposta polo emprendemento vinculado ao territorio, con especial atención á dinamización do medio rural. Esta acción alíñase coa futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio 2025–2030, en proceso de consultas co sector, que busca consolidar o papel de Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025.

0.11754083633423