San Vicente da Grade acolleu unha homenaxe a “Concha de Agrade” polo Día das Letras Galegas

RibeiraSacraXa
A Vicepresidencia da Deputación personificou na chantadina Concepción Casal Eiriz o recoñecemento ás cantareiras da provincia
homenaxe-concha-de-agrade
19 May 2025

San Vicente da Grade, en Chantada, acolleu este domingo un acto de homenaxe a "Concha de Agrade" –Concepción Casal Eiriz–, impulsado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo como recoñecemento a ela e ás pandeireteiras e cantareiras da provincia.

A deputada de Cultura, Iria Castro, agradeceu ás familias e veciñanza de San Vicente de Agrade por compartir as súas lembranzas sobre Concha, e puxo en valor o marco que ofrece a celebración do Día das Letras Galegas “para continuar investigando, documentando, divulgando e recoñecendo o legado das cantareiras, comezando por aquelas que temos máis preto de nós”.

Con ese obxectivo, enmárcase o proxecto “Cantareiras e cantares”, sobre as coplas e os ciclos do ano, que a área de Cultura está a difundir a través de YouTube, xunto coa serie de podcasts Folcast, que afonda na figura de cantareiras e colectivos da provincia e no seu papel como transmisoras e conservadoras da lingua e da cultura popular.

O acto celebrouse na que fora a súa casa, en San Vicente da Grade, e contou coa participación do seu fillo, Suso do Rei, así como doutros familiares e veciñas, que lembraron a Concha como unha muller que destacaba pola “súa intelixencia natural e sensibilidade para expresar con palabras os sentimentos que saían do seu corazón”. Tamén subliñaron o seu papel relevante na comunidade, impulsando a creación da escola de San Vicente ou colaborando na reforma da igrexa.

A investigadora e intérprete Alba María e Isabel Vigo, técnica do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI), tamén achegaron a súa visión sobre a figura de Concha e das cantareiras. Vigo explicou que o arquivo conserva audios de Concha, dixitalizados a partir de cintas casete que ela intercambiaba coas súas fillas e netos desde a emigración en América.

A xornada incluíu a actuación das pandeireteiras de Dakidoasma, que interpretaron algunhas das coplas recollidas de Concha, xunto con outras pezas do repertorio tradicional.

Folcast

Concha de Agrade, unha das informantes de Dorothé Schubarth para o Cancioneiro Popular Galego, protagoniza o primeiro episodio da serie de podcasts Folcast, dedicada á oralidade e á música tradicional. Este proxecto está impulsado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, da man de Xosé Gago e Branca Villares.

O capítulo, que se lanzará ao longo da vindeira semana, ofrecerá unha visión completa da súa figura, ademais de achegar novos datos froito do proceso de investigación e documentación realizado para a súa edición.

O proxecto Folcast, que incluirá dez episodios, percorrerá as comarcas da provincia na procura das portadoras e transmisoras da poesía tradicional. Cada episodio terá entre 45 e 60 minutos de duración e emitiranse mensualmente na páxina web da Deputación de Lugo e en distintas plataformas. Tamén se emitirán episodios especiais.

Folcast conta ademais cun perfil en Instagram (@folcast_radio), desde o que se poderán seguir as emisións e acceder a contido adicional.

⚙ Configurar cookies
0.16619896888733