San Clodio revive a súa historia ferroviaria cun encontro aberto á veciñanza

RibeiraSacraXa
O mestre Manuel Cao protagonizará unha charla participativa sobre o pasado e presente do tren na vila
o-tren-a-san-clodio-
Pilar García Porto
22 Jul 2025

O próximo mércores, 23 de xullo, ás 21:00 horas, a Aula de Pesca da Praia Fluvial de San Clodio converterase nun espazo de encontro, lembranza e diálogo arredor dunha das pezas fundamentais da identidade local: o tren. No marco do ciclo "Conversas de verán", a cita contará coa participación do mestre Manuel Cao, profundo coñecedor da historia ferroviaria da vila.

Baixo o título “O tren en San Clodio: unha historia viva”, a sesión buscará poñer en valor o legado do ferrocarril na vida social e económica da localidade, desde a súa chegada no século XIX ata a súa presenza actual. A través dunha conversa aberta, a organización convida a veciños e visitantes a compartir recordos, reflexións e anécdotas.

A actividade está concibida como un diálogo participativo, un espazo de escoita activa onde reconstruír a memoria colectiva sobre o tren. A imaxe do cartel, unha obra do artista Javier R. Sotuela, recupera unha escena simbólica que forma parte do imaxinario de xeracións de sanclodienses.

O encontro terá unha duración aproximada de 50 minutos e pretende ser unha homenaxe á importancia histórica do ferrocarril na configuración do municipio. A entrada é libre e desde o Concello anímase á participación de todas as idades.

⚙ Configurar cookies
0.45274996757507