Samos acolleu a presentación do proxecto turístico do GDR Ribeira Sacra-Courel
O Grupo de Desenvolvemento Ribeira Sacra-Courel presentou en Samos e no Saviñao un programa para potenciar a profesionalización da actividade turística nestas áreas, que se atopan ao norte e ao sur do territorio que comprende o GDR.
Así, representantes dos municipios, como as alcaldesas de Samos, Triacastela, Folgoso do Courel e o do Incio; participaron desta iniciativa, á que acudiron tamén veciños e empresarios, xa que o proxecto está destinado a empresas locais do sector turístico pero tamén a outras que se poden beneficiar das actividades propostas, como as agroalimentarias ou de artesanía.
O plan desenvolverase entre febreiro e marzo e as empresas que se sumen poderán contar coa elaboración de plans de mellora adaptados ás súas necesidades, e tamén poderán participar de cursos formativos para elaborar estratexias comerciais e técnicas de posicionamento en internet.
O proxecto, así, finalizará coa preparación dun plan de comercialización dixital para todas as empresas inscritas. Para iso, teñen ata o vindeiro día 26 para formalizar a súa inscrición no curso, xa que o primeiro dos talleres impartirase o 29 de xaneiro.