Rueda reafirma en Taboada o apoio da Xunta ao sector gandeiro

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reafirmou hoxe o respaldo do Goberno galego ao sector primario nun momento clave, marcado pola entrada en vigor do tratado entre a Unión Europea e Mercosur e o debate sobre a futura Política Agraria Común (PAC). “Seremos especialmente esixentes e firmes para que se cumpran as salvagardas, e que así non haxa prexudicados”, destacou tras visitar a cooperativa agroalimentaria Aira, acompañado da conselleira do Medio Rural, María José Gómez.
Rueda defendeu o esforzo da administración autonómica para poñer en marcha medidas que sigan fortalecendo o medio rural. Neste sentido, resaltou a importancia de iniciativas baseadas no cooperativismo, que contribúen a modernizar e diversificar o sector gandeiro. “Esta é unha cooperativa que é un reflexo de como foi evolucionando o noso medio rural, onde se fan produtos case a medida de cada granxa, con moita tecnoloxía e avances. Así se transformou o noso rural nos últimos anos: buscando unha maior rentabilidade e unha mellor calidade de vida”. A planta de Aira está considerada a maior fábrica de penso para vacún leiteiro de España.
Sobre os retos actuais, o presidente galego explicou que o Goberno autonómico asinou un documento de consenso con Unións Agrarias e a Asociación Agraria de Galicia (Asaga) para garantir que, cando se aplique o tratado UE-Mercosur, o sector galego estea protexido con medidas áxiles e eficaces, asegurando “que todo o que entre aquí teña o mesmo tratamento que se esixe ao que se produce aquí, cos mesmos estándares de calidade”. “Seremos especialmente esixentes”, insistiu. O acordo inclúe demandas ao Goberno central e á UE, así como compromisos da Xunta que xa están en desenvolvemento.
En canto á futura PAC, Rueda destacou a necesidade dunha política máis forte, con fondos diferenciados e enfoque rexional. “Necesitamos que Europa siga apostando polo medio rural. Que os fondos para o sector primario se manteñan. Vertebrar o rural pasa por que se siga apostando por unha política agraria firme e con menos burocracia”, sinalou o presidente da Xunta, que puxo en valor o papel económico, social e cultural do sector primario en Galicia.
Rueda enfatizou que Galicia é líder no sector lácteo, producindo o 42% do total de España, e que actualmente se transforma na comunidade o 75% do leite producido. “As cooperativas en Galicia son fundamentais. E no agro, no medio rural, especialmente. Todo o que se fai aquí ten que ter o noso apoio e empuxe”, destacou.