Rueda amósase “optimista” ante a evolución dos incendios e anuncia un plan de desescalada

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou este xoves o Posto de Mando Avanzado de Quiroga para seguir a evolución dos incendios forestais que afectan á provincia de Lugo, acompañado pola conselleira de Medio Rural, María José Gómez, e polo alcalde do municipio, José Luis Rivera.
Na súa comparecencia, Rueda recoñeceu que seguen activos cinco incendios en Galicia, tras lograr estabilizar o de Carballeda de Avia, e sinalou que o que máis preocupa é o de Larouco, que se estendeu ata Lugo e ameaza o parque natural do Courel. “É o que máis nos preocupou desde o inicio e previsiblemente acadará aínda maior extensión, pero xa se traballa no perímetro e o seguinte paso será avanzar cara á súa estabilización”, indicou.
O mandatario agradeceu o labor de brigadas autonómicas, UME, Garda Civil, Policía Autonómica, Protección Civil e veciños, e advertiu que as cifras de superficie queimada non son aínda definitivas. “O balance real coñecerase cando se apaguen todos os lumes”, afirmou, lembrando o caso de Pena Trevinca, que pasou en pouco tempo de 20 a 2.000 hectáreas afectadas.
Rueda tamén explicou que se está a preparar un plan de “desescalada” para o regreso progresivo do persoal desprazado doutras comunidades, unha vez que os técnicos certifiquen que os incendios están baixo control. Xustificou a retirada e posterior reincorporación dalgúns efectivos como unha “decisión técnica” que priorizou protexer casas e vidas antes de centrarse na perimetración.
En relación coas críticas á xestión, negou erros graves aínda que admitiu a complexidade dos chamados incendios de sexta xeración: “Non somos perfectos, pero traballouse moito. A dispersión da poboación complicou as tarefas, pero os núcleos habitados foron sempre a prioridade”.
O presidente galego cargou contra o Executivo central, cualificando de “disparate” as acusacións do ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, sobre unha suposta petición tardía de axuda. “Pedimos medios adicionais desde o primeiro momento, incluído o Exército, pero moitas cousas solicitadas non chegaron”, denunciou, acusando a membros do Goberno de xerar polémica “desde as redes sociais e sen deixar de estar de vacacións”.
Sobre as críticas pola existencia de motobombas sen empregar mentres se reclamaban máis recursos, asegurou que “se están dicindo moitas cousas que non son verdade” e defendeu que a Xunta utilizou todos os medios dispoñibles. Tamén negou que houbera baixas sen cubrir nas brigadas.
Rueda anunciou que a vindeira semana se convocarán axudas para os damnificados e instou ao presidente Pedro Sánchez a cumprir o compromiso de que o Estado aporte fondos con rapidez. Ademais, subliñou que a Xunta destinou este ano 50 millóns de euros á prevención de incendios e avanzou que a inversión seguirá aumentando.
Por último, apelou á responsabilidade cidadá para manter limpos os arredores das vivendas e impulsar o uso de gando como ferramenta de prevención natural. Sobre a presenza da vicepresidenta Yolanda Díaz nunha manifestación, ironizou: “Paréceme ben que interrompa as vacacións agora, cando non o fixo ata o de agora en ningún momento”.
SITUACIÓN NA ZONA
No balance realizado sobre a situación dos incendios en Quiroga e O Courel, os responsables municipais mostraron un ton optimista e coincidiron en que o escenario mellora de forma notable, aínda que coa cautela que esixe a evolución das lapas. “Non podemos dar nada por seguro cando falamos de lume”, advertiu o concelleiro de Medio Ambiente, Luis Manuel Arias.
O incendio que nos últimos días mantivo en vilo a varias localidades deixou de representar un risco inmediato para os núcleos habitados e, segundo explicou o edil, “atópase moi preto de estar controlado”.
Con máis de 9.000 hectáreas calcinadas no termo municipal, os esforzos de extinción concéntranse agora en Montouto de Outeiro, na fronteira con Folgoso do Courel, onde as brigadas traballan para frear as lapas en dous frontes: o que afecta ao territorio quirogués e o que limita coa provincia de León. A pesar da subida de temperaturas rexistrada pola tarde, os equipos confían en que o lume non avance máis nestas zonas.