Roi Rigueira, alcalde de Taboada, defende que traballa e se dedica "ao 100 % no Concello"

RibeiraSacraXa
Roi Rigueira, alcalde de Taboada, defende que traballa e se dedica "ao 100 % no Concello" e defende o diñeiro investido no goberno
Goberno BNG e PSOE Taboada
10 Jul 2023

O alcalde de Taboada, Roi Rigueira, defende a aprobación das dedicacións exclusivas para el como rexedor do municipio e as dúas dedicacións para os compañeiros do BNG no goberno, José Portela e Manuel Diéguez despois de que os populares criticaran esta decisión tomada no pleno de organización municipal o pasado 5 de xullo.

Así, Rigueira defende que a súa dedicación exclusiva de 37.000 euros brutos ao ano servirá para pagar as horas de traballo nas que estará no Concello en horario de 08.00 a 15.00 horas a disposición dos veciños e veciñas de Taboada, en contraposición co anterior alcalde popular, Ramiro Moure, "que estaba de 13.30 a 14.00 horas", argumenta.

Así, di que Moure xustificaba que el atendía as chamadas todo o día e falaba coa xente a calquera hora e en calquera lugar, porén "non sei por que desde o PP de Taboada dan por feito que eu non vou facer o mesmo, eu serei alcalde 24 horas ao día, 7 días á semana, 365 días ao ano", defende.

"Eu voume dedicar e estoume dedicando, en corpo e alma ao Concello, e pódovos asegurar que non me sobra nin un minuto do tempo, e pola tarde atendo chamadas, vou polas parroquias, falo coa xente ou vou para o despacho a estudar posibles cousas ás que o Concello se podería adherir, subvencións que se poderían solicitar... En resumo, traballo e dedícome ao concello ao 100 %", sostén Rigueira.

Compromiso de Goberno

Con respecto ás dúas dedicacións de compañeiros do BNG no goberno, José Portela e Manuel Diéguez, di que "eles renuncian a unha parte do seu tempo e do seu soldo no seu traballo habitual para poder desenvolver as accións de goberno que lles son propias e podo dar fe de que están cumprindo co seu cometido e co seu traballo con creces", explicou.

"Temos un compromiso de goberno estable e que se rexerá pola esixencia, o traballo e a toma de decisións compartidas en prol da mellora dos intereses do noso concello. Mantivemos reunións cos traballadores e traballadoras, con distintos organismos e asociacións, participamos en xuntanzas e preocupámonos de saber en que situación se atopa o concello para poder deseñar unha estratexia que permita o mellor e maior aproveitamento dos recursos existentes", subliñou o alcalde.

Por último, comentou que todo o que están conseguindo nestes primeiros días de goberno é unha mostra do compromiso coa veciñanza e sostivo que "faremos un exercicio de comunicación e de transparencia total, para que todos e todas saibades de onde vimos e cara a onde queremos ir".

0.10942482948303