Rodil anuncia a posta en marcha dunha axuda de 15.000 euros para facilitar o emprendemento no rural
A candidata do BNG por Lugo, Olalla Rodil visitou en Taboada o obradoiro das Galletas Xianas, onde presentou as medidas do BNG para os proxectos empresariais do rural non vinculados directamente co sector agrogandeiro. "Este tipo de empresas teñen grandes posibilidades de emerxer en zonas rurais, fixando poboación nova con proxectos innovadores". Olalla Rodil afirmou que desde o BNG "aplicaremos desde o 18 de febreiro unha serie de medidas para apoiar proxectos como o das Xianas, que apostan polo rural e polo comercio de proximidade".
Rodil anunciou a posta en marcha do Ticket Rural, unha axuda de 15.000 euros para os proxectos que se asenten no medio rural durante os primeiros 5 anos, e en aplicar bonificacións na fiscalidade nos primeiros anos do proxecto. "Trátase de impulsar liñas de axuda á creación de actividades económicas nas zonas rurais, con criterios de selección que prioricen a transformación agroalimentaria, valorando a producción primaria da contorna", explicou Olalla Rodil, que engadiu "estas medidas terán maior intensidade nas áreas máis afectadas pola perda de habitantes e o envellecemento da poboación".
O BNG incidirá na recuperación da autoestima de pertenza ao rural e da actividade agrogandeira como fornecedor de alimentos e de defensa da natureza, medio ambiente, biodiversidade animal e vexetal, e garantes do territorio e da paisaxe, ademais de traballar na captación e motivación de vocacións agrarias , co fin de garantir a supervivencia do tecido produtivo agrario profesional no noso futuro a curto e medio prazo. Con estes obxectivos, traballarase nun programa específico de formación rural para educación infantil e primaria co obxectivo de poñer en valor a potencialidade dos diferentes sectores produtivos das nosas zonas rurais.
"Desde o BNG somos conscientes de que para garantir a fixación de poboación nos concellos do rural é preciso manter servizos esenciais como a sanidade, a educación, ou facilitar a conciliación", afirmou Olalla Rodil. A cabeza de lista por Lugo anunciou unha "estratexia para o medio rural dirixida a blindar a calidade de vida e o benestar social como dereito de todas persoas, independentemente de que vivan nunha cidade ou no rural".