Rocío Rodicio, gañadora do concurso de carteis da XLII Feira do Viño de Amandi de Sober

RibeiraSacraXa
Rocío Rodicio fue la ganadora del concurso de carteles XLII Feira do Viño de Amandi de Sober. Se conocerá el cartel el 12 de marzo.
rociorodicio
6 Mar 2022

Rocío Rodicio González, de 15 anos e veciña de Ourense, é a gañadora do concurso de carteis da XLII Feira do Viño de Amandi, que se celebrará en Sober os próximos 9 e 10 de abril, volvendo así a súa data habitual de sábado e domingo de Ramos.

O cartel darase a coñecer o vindeiro sábado día 12 ás 12:00 horas nun dos novos recursos turísticos e paisaxísticos cos que conta o Concello de Sober.

A gañadora recibirá un premio de 600 euros. Este ano recibíronse orixinais de diversos puntos de Galicia e tamén do resto do Estado, como en anos anteriores.

A moza conta xa con outras distincións, como ser a gañadora de 3 edicións do Concurso de Debuxo e Redacción Jóvenes y Mayores do Xornal La Región, gañadora do Concurso internacional Leonardo 4 Children 2021, do Concurso do Cartel 25N do Concello de Pereiro de Aguiar, do X Premio Nacional Avelina Lamas e coa mención de honra do Concurso VIII centenario Catedral de Burgos.

Rocío Rodicio explica que o seu deseño recolle a esencia da Feira do Viño de Amandi, no que se pode ver representado o Río Sil, as uvas e a figura do viticultor. Considera a distinción “unha gran oportunidade” e asegura estar moi orgullosa co premio e co traballo, unha acuarela con lapis de cores.

MES DO AMANDI
Co fallo do concurso de carteis o Goberno local iniciou o ‘Mes do Amandi’, as actividades previas á celebración da Feira do Viño. A localidade acolleu ademais un concerto das Xuventudes Musicais de Sober e a presentación do equipo de Rally ‘Barantes Sport’, co que colabora o Concello de Sober.

Todas estas actividades conforman o marco ideal para botar a andar o Mes do Amandi cuxas propostas se prolongarán ata a data da Feira do Viño e se irán dando a coñecer nos vindeiros días.

Tal e como xa avanzou o rexedor, Luis Fernández Guitián, este ano o pregoeiro da XVII Feira do Viño de Amandi será o actor Chechu Salgado, nacido na localidade e gañador do Premio Goya deste ano como mellor actor revelación polo seu papel no filme ‘As leis da fronteira’.

0.18054795265198