Rocío Caamaño actuará na Praza de España de Monforte o sábado 17 de setembro
O concerto desta artista da Costa da Morte, era o primeiro das Festas Patronais do concello e tiña que haberse celebrado o pasado mércores 10 de agosto tralo pregón de Margarita Rodríguez Otero, pero debido ás condicións climatolóxicas viuse adiado.
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar que o concerto de Rocío Caamaño xa ten nova data para a súa celebración. Tras coordinar concello e artista as súas axendas, finalmente celebrarase o vindeiro sábado 17 de setembro, as 23.00 horas da noite, na Praza de España.
“Dende o concello cumprimos así co compromiso que adquirimos o pasado 10 de agosto, cando nos comprometemos a estudar novas datas para este concerto, motivo polo que procedemos a aprazalo. Así, o vindeiro 17 de setembro os monfortinos e monfortinas poderán desfrutar deste concerto gratuíto de Rocío Caamaño, artista da Costa da Morte”, sinala o Alcalde.
TRAXECTORIA
A cantautora natural de Cee, presentará en Monforte o seu primeiro disco Enbora. A formación de música pop desta artista viaxa dende a Costa da Morte ata Monforte con aromas do mar, e algo de sabor a cidade, incorporando nese traxecto pensamentos e vivencias propias.
Dende principios de 2021 publicou 7 singles, varios videoclips e o pasado 25 de xullo de 2022 publicou o seu primeiro álbum, que ten por título Enbora.
O concerto está organizado polo concello de Monforte e conta coa colaboración da Deputación Provincial de Lugo.