Roberto Prado foi presentado como alcaldable polo PSOE á Alcaldía de Pantón nas eleccións
O PSOE provincial presentou a Roberto Prado Díaz como o candidato do Partido Socialista para gañar a Alcaldía de Pantón nas vindeiras eleccións municipais.
Os socialistas celebraron un acto no Edifico Multiusos da localidade no que participou o secretario xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, así como a deputada no Congreso Ana Prieto e a deputada no Parlamento de Galicia Patricia Otero, xunto a militantes e simpatizantes do municipio e da comarca.
José Tomé puxo en valor o “paso adiante” de Roberto Prado e felicitouno “polo equipo de homes e mulleres” que o acompaña “neste novo reto á fronte do proxecto socialista en Pantón”, que afrontan, asegurou, “dende o máximo compromiso cos veciños e veciñas para sacar adiante iniciativas positivas” para o seu pobo e “mellorar a calidade de vida” dos pantoneses.
“Temos o mellor candidato para conseguir un cambio de ciclo político o 28M”, subliñou o líder dos socialistas na provincia, pois Roberto Prado “reúne todos os valores para ser o alcalde de Pantón: compromiso, sensatez, coñecemento do seu pobo, experiencia e, o máis importante, ganas de traballar polos veciños, con iniciativa e eficacia”.
Roberto Prado “daralle a Pantón o lugar que merece, escoitando á xente e resolvendo os seus problemas cun proxecto pensado para os veciños e veciñas, centrado nas persoas, na defensa dos servizos públicos, na promoción da economía e na aposta polo rural, como facemos sempre os socialistas cando gobernamos, e como estamos demostrando no Goberno do Estado e na Deputación de Lugo”.
Neste sentido, explicou que a institución provincial dedicou a Pantón nestes últimos catro anos máis de 3,6 millóns de euros, “moito máis ca Xunta de Galicia”, dos cales 1,4 son para o Centro de Atención a Maiores.
“Hoxe hai un convenio de colaboración aprobado e asinado, e un proxecto feito para construír a residencia, que executaremos con Roberto Prado como alcalde”, destacou. “Despois de 44 de gobernos do PP en Pantón este concello necesita un novo aire e darlle unha nova vida”, recalcou José Tomé.