Riviera

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
Achégate á música clásica da man de Rebeca Maseda, que narra dende preto, historia, cultura e paixón por esta arte.
rebeca maseda fotos nueva 2022
4 Aug 2022

Por Rebeca Maseda

Un lugar de Francia, unha serie televisiva producida por Sky e emitida en España por Movistar+, a zona de terra que está próxima e dá cara ao mar ou cara ao río? Calquera das acepcións anteriores fai referencia a ideas inundadas de beleza.

A Riviera Francesa, a Costa Azul -Côte d’Azur en francés- é un auténtico paraíso terreal, unha fantasía de lugar. Xeograficamente falando é a denominación que recibe unha parte do litoral mediterráneo no sueste de Francia e a totalidade de Mónaco, formando parte da rexión denominada Provence-Alpes-Côte d’Azur. A orixe do termo debémoslla ao escritor Stéphen Liégeard, que o utilizou en 1887 para o título da súa obra “Côte d’Azur”, inspirándose no termo Azur, que en heráldica significa ‘azul’. Para Liégeard, a Costa Azul foi un nome poético para denominar á zona costeira que se estendía desde Marsella ata Xénova, en Italia, e que se coñecía como Riviera de Niza ou Riviera de Xénova.

Se vos pedira que me citarades algunha das localidades que conforman esta rexión, estou segura de que se vos virían uns cantos nomes á cabeza: Saint-Tropez, Cannes, Niza...

Lugares que inmediatamente asociamos coa idea de luxo, exclusividade, de glamour en definitiva. No século XX a Costa Azul converteuse nun destino preferente para a aristocracia e burguesía do norte de Europa pola suavidade do seu clima, especialmente no inverno.

Non existe vila ou cidade que non sexa escenario de grandes anécdotas protagonizadas por celebridades de primeiro nivel, poñamos por exemplo a Menton. Esta fermosa e gloriosa vila costeira pode que sexa menos coñecida, pero foi aquí onde a Riviera Francesa naceu como tal; cando a Raíña Victoria, viúva, chegou para quedarse en 1882, abrindo así as comportas para a realeza e a alta sociedade. Construíronse ferrocarrís, grandes vilas substituíron as granxas de pedra e, as carruaxes ornamentadas que transportaban a duques e príncipes, pasaron lentamente polas estradas da alta costa sobre o mar resplandecente.

A Raíña Victoria estaba encantada co “soleado e florido sur” -como ela o chamaba-, regresando ata en oito ocasións e sempre lanzando flores, ritual que enlaza coa famosa “Batalla das Flores” dentro do Carnaval de Niza, probablemente o máis importante de Francia.

Algúns e algunhas dan crédito ao amor da Raíña polo sur de Francia, aludindo ás melloras nas relacións entre dous inimigos históricos, Inglaterra e Francia, suavizando as tensións ata convertérense en aliados durante a Primeira Guerra Mundial.

O aliado da Raíña, o primeiro ministro Winston Churchill, pasou varios períodos da súa vida na Riviera Francesa. Xunto á súa esposa, ambos desfrutaron especialmente da “Villa La Pausa” en Roquebrune-Cap-Martin. A Villa foi construída por Coco Chanel e o Duque de Westminster e vendida ao multimillonario Emery Reves, amigo de Churchill. La Pausa era frecuentada por tantas elites que a miúdo coincidían e pasaban tempo xuntas. Estas incluían ao Príncipe de Mónaco e Grace Kelly, aos Duques de Windsor, Coco Chanel, Clark Gable, Greta Garbo, Wendy Russell, Somerset Maugham e un longo etcétera.

Volvendo a Menton, situada a escasos quilómetros da fronteira italiana e bautizada polo xeógrafo Elisée Reclus como “A perla de Francia”, esta fermosísima vila posúe un importante patrimonio arquitectónico, encabezado pola Igrexa de San Miguel Arcanxo, a máis grande e bela de estilo barroco de toda a Costa Azul. A fachada consta de dúas pratas e dispón dunha gran harmonía na estrutura de columnas, pilastras, arquitrabes e frontóns. No interior destaca a decoración de estilo barroco en estado puro, cun fermoso retablo de André Manchello que representa a San Miguel. Ademais da súa rica arquitectura e o seu impoñente casco histórico, Menton acolle tres museos dedicados a un dos seus máis ilustres visitantes, o artista polifacético Jean Cocteau (1889-1963): O “Jean Cocteau / Colección Séverin Wunderman”, a “Salle des Mariages Jean Cocteau” e o “Museum Jean Cocteau The Bastion”.

A Riviera, paradigma indiscutible de glamour, luxo e beleza.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17217993736267