Ribeira Sacra Next presentou en Monforte o seu Plan Director

A agrupación empresarial Ribeira Sacra Next presentou na tarde deste xoves en Monforte de Lemos o Plan Director, que recolle as liñas estratéxicas polas que se guiará o colectivo para contribuír á dinamización económica da zona.
Á presentación asistiu o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, quen destacou que o impulso deste territorio “é un reto común no que contan coa colaboración do Goberno galego”, que ofrece ás empresas e autónomos distintos programas e ferramentas para mellorar a súa competividade e xerar riqueza e emprego na contorna.
Entre estes apoios destacou as 14 liñas de axudas que acaba de activar o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) por valor de 172 millóns de euros para promover a innovación, a dixitalización e a internacionalización do tecido produtivo.
Tamén subliñou o fomento do emprendemento a través da rede de Polos que se está a despregar por toda a Comunidade. Monforte de Lemos conta cunha oficina na que se pode obter asesoramento gratuíto para iniciar un negocio que aproveite a riqueza e os recursos da zona; ou para mellorar un que xa está en marcha.