Ribeira Sacra Next inicia un ambicioso proxecto para fomentar o emprendemento dende as escolas

A Asociación de Empresas Ribeira Sacra Next pon en marcha este curso un proxecto educativo para fomentar o emprendemento escolar en colaboración cos polígonos industriais de Monforte de Lemos, Chantada, Pereiro de Aguiar e O Saviñao, co obxectivo de achegar o mundo empresarial local ao alumnado.
A primeira fase do proxecto estará enfocada a capacitar aos centros educativos en metodoloxías para crear empresas formativas co alumnado. A iniciativa será presentada o vindeiro 13 de novembro nunha sesión informativa no IES Daviña Rey de Monforte, coa participación de Marta Marzoa, xerente do Polígono de Sabón, e Xabier Sánchez, coordinador de proxectos con experiencia en iniciativas similares desde 2017.
O proxecto baséase na idea de que “as novas empresas do mañá nacen das vocacións emprendedoras de hoxe”, o que fai indispensable que a mocidade teña acceso dende a escola aos coñecementos e valores que favorecen a creación e consolidación de proxectos empresariais. Por iso, considérase imprescindible introducir dende a etapa educativa os conceptos e valores do emprendemento, para que a mocidade poida ter presente a opción do traballo por conta propia á hora de decidir o seu futuro; e para que, no caso de decantarse por esta vía, dispoña dos coñecementos necesarios que potencien as súas posibilidades de éxito.
O programa vai dirixido a estudantes a partir dos 14 anos, e ten como fin fomentar a cooperación, a creatividade, o uso das TIC e a comunicación, guiando ao alumnado en todas as etapas da creación dunha empresa, desde a avaliación de ideas ata a organización e posta en marcha.
Para iso, os distintos equipos de traballo desenvolverán ao longo do curso todas as fases da creación dunha empresa: avaliación de ideas para definir a empresa, a oportunidade de negocio e o modelo de negocio mediante a tecnoloxía Canvas, definir a organización e políticas de empresa (organigrama, imaxe corporativa, ...), para rematar coa súa posta en marcha.
O alumnado, explican, seguirá o proceso real cunha orde lóxica dos pasos a desenvolver para poñer en marcha unha nova empresa con garantías de éxito e experimentará na práctica momentos clave que deberán asumir as persoas emprendedoras: o contacto coa entidade financeira, trámites de notaría e xestoría, para rematar coa presentación pública ou a comunicación da empresa, páxina web, redes sociais, ... Como parte do proxecto, o alumnado visitará as empresas dos correspondentes polígonos e esas mesmas empresas formarán parte do xurado que ao final do curso avalie as diferentes propostas de empresas educativas.
Severino Rodríguez, presidente de Ribeira Sacra Next, destacou “a importancia de formar o espírito emprendedor das novas xeracións” e sinalou que “con este proxecto buscamos conectar o tecido empresarial co alumnado, proporcionando formación para que poidan levar a cabo o seu emprendemento”. Engadiu tamén que traballan para “ofrecer formación nos perfís profesionais máis demandados polas empresas da Ribeira Sacra”.
Dende Ribeira Sacra Next explican que esta forma de traballo, de emprendemento desde a escola, foi testada a nivel internacional, con foco na sostibilidade, a reciclaxe e a economía circular, no proxecto europeo Erasmus+ “UNRECRE” (Undertaking, Recycling and Creating).
O presidente da Asociación Ribeira Sacra Next, Severino Rodríguez, destaca a importancia de formar o espírito emprendedor das novas xeracións e asegura que, “con este proxecto centrámonos en vincular o tecido empresarial co alumnado e dar formación a esas rapazas e rapaces para que poidan executar o seu emprendemento. Traballamos tamén en poder ofrecer formación para os principais perfís profesionais que demandan na actualidade as empresas da Ribeira Sacra, e crear as condicións para atraer ás persoas que veñan traballar”.