Ribeira Sacra Next enxalza o papel das mulleres empresarias

RibeiraSacraXa
A asociación celebrou esta semana o enconto “Talento Feminino no Rural” que contou coa participación de dúas empresarias monfortinas e unha pantonesa
ribeira-sacra-next-xornada-mulleres-rurais
16 Jan 2026

O pasado mércores, 14 de xaneiro, celebrouse no Castelo de Castro Caldelas a xornada “Talento Feminino no Rural”, un encontro que reuniu a case medio cento de persoas relacionadas coa muller, o emprego, o emprendemento, o medio rural, o sector primario, o asociacionismo, a empresa e as administracións. A actividade, organizada pola Asociación de Empresas Ribeira Sacra Next e a Asociación de Empresarias de Galicia, tivo como obxectivo visibilizar e impulsar o talento e liderazgo das mulleres emprendedoras e empresarias no ámbito rural.

Neste evento participaron seis mulleres que achegaron as súas experiencias profesionais desde distintos sectores e perspectivas vinculadas ao medio rural. Sandra Viñas Diz, CEO de Mare Monte Setas, compartiu a súa traxectoria desde Sanxenxo, onde apostou pola comercialización sostible de setas frescas en conserva, tras unha ampla experiencia no mundo da xestión empresarial. Raquel Estévez Rodríguez, auxiliar de enfermaría, explicou a creación en 2018 do centro de día Vida en Monforte de Lemos, que ofrece atención personalizada a persoas maiores e con discapacidade. Elisa Fernández Ferreiro, educadora e consultora financeira, falou do seu proceso de emprendemento desde San Xoán de Río, onde acompaña a persoas e pemes para mellorar a súa xestión financeira grazas ás vantaxes do rural e a tecnoloxía.

Tamén participou Olalla Cuiña Gómez, primeira presidenta do Consello de Administración do grupo empresarial familiar Cuiña, que conta con máis de 400 empregos e destaca por proxectos industriais relevantes como a fabricación de fachadas para o novo Santiago Bernabeu. Olalla destacou a importancia do equilibrio entre vida profesional e familiar nun sector industrial maioritariamente masculino. Desde o ámbito agropecuario, Lucía López Sobrado achegou a súa experiencia na Gandaría Puluán, en Monforte de Lemos, onde combinan a produción gandeira coa innovación en queixos macerados con viño Mencía.

Finalmente, Pilar Díaz Vázquez repasou o seu camiño como emprendedora desde o ano 2000 coa Casa dos Muros, un establecemento de turismo rural en Pantón que, tras un cuarto de século, mantén a súa aposta por ofrecer alternativas de lecer experiencial.

Durante a xornada, que contou coa presenza da alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega, e representantes de Ribeira Sacra Next e Empresarias Galicia, puxéronse de manifesto as dificultades que as mulleres emprendedoras do rural afrontan, como a falta de confianza, a burocracia administrativa, a pouca receptividade ás innovacións por parte das administracións locais, e a complexidade da conciliación ou a sexualización do valor profesional. Ademais, destacouse a importancia de crear redes de apoio e colaboración para superar estas barreiras e fomentar o empoderamento feminino, que “medra exponencialmente” cando se dispón de espazos para o propio discurso e o recoñecemento mutuo.

A mesa de debate tamén abordou os avances na presenza feminina en postos de poder, resaltando exemplos como Marta Ortega na presidencia de Inditex, o 22 % de alcaldesas en Galicia e a crecente presenza de mulleres en cargos de responsabilidade no sector primario e nas empresas, que facilitan a colaboración e o apoio mutuo entre elas.

A iniciativa de Ribeira Sacra Next, que busca reforzar a unión socioeconómica do territorio, quere continuar promovendo estas dinámicas con novas fórmulas para tecer redes de talento e liderado feminino no rural, coa vista posta en facer do emprendemento unha ferramenta para mellorar a situación socioeconómica da comarca.

⚙ Configurar cookies
0.075906991958618